Como é posíbel que as 11 traballadoras de Galiza Dixital queden sen traballo se a exposición continúa?
Galicia Dixital é unha exposición permanente que comezou a funcionar no ano 2000 en San Martiño Pinario en Compostela. Todo o persoal levaba traballando 8 anos para as distintas contratas que se encargaron da exposición. As tres primeiras eran empresas galegas. Porén, esta última Telecyl S.A., é de Valladolid, co que xa se ve cal é o talante á hora de priorizar o capital galego e o de fóra. Cando estaba para rematar a anterior contrata e se fixeron públicos os pregos comprobamos que non aparecía a palabra subrogación. Ante iso mantivemos unha primeira conversa coa Xunta explicando que nos anteriores si figuraba. Contestaron que non o podían pór por cuestións de legalidade. Unha desculpa, porque hai moitas máis plicas da Xunta nas que si se recolle, ao igual que outras de concellos ou mesmo da administración estatal e, en ningún caso supuxo un problema. Dixeron que ás traballadoras xa as coñecían, que tiñan bastante antigüidade e que non ía haber problemas. Porén, chegou o día 2 de maio, data na que remataba a anterior empresa e na que comezaba a nova, sen que as traballadoras recibiran máis comunicación que a da anterior empresa dicindo que remataba o servizo para o que foran contratadas. Ao tempo e por vez primeira nestes oito anos, pechan a exposición co cal as traballadoras xa comezan a sospeitar que algo está a ocorrer. Chaman á Xunta e contéstanlles que non poden facer nada e que Telecyl SA seguramente colla persoal novo. Nós xa supuxemos que cando pechaba era porque contrataran outro persoal e tiñan que formalo. Contactamos coa empresa, en Valladolid, para pedir unha explicación e contestan que cando teñan tempo virán, sen especificar unha data, e que tiñan pensado contratar a máis persoal porque van empezar con pouca xente. Un incumprimento das condicións estabelecidas no prego porque segundo este tiñan que comezar cun número determinado de traballadores para garantir a atención á exposición. Interpretamos que se trataba dunha xogada para dividir ás traballadoras pedíndolles o currículo e que competiran entre elas. E todo isto, comezando de cero, cun novo contrato.
A partir de aí comezan as mobilizacións. Cal é a vosa prioridade?
Por unha banda denunciar a hipocrisía do Presidente da Xunta, de quen depende directamente esta contrata, a través da Secretaría Xeral de Comunicación, que anda a presumir moito de que fomentan a estabilidade laboral e sobre todo o emprego feminino, pero chegado o momento non fan nada por impedir que se quede na rúa todo o cadro de persoal formado maioritariamente por mulleres, que son ao final as que soportan en maior medida a precariedade. Pola outra exiximos, por suposto, a subrogación de todo o persoal.
En que consiste a subrogación?
A famosa subrogación ou a tamén chamada sucesión empresarial, aplícase no primeiro caso ás contratas e no segundo ás empresas. Do que se trata é de garantir a estabilidade das e dos traballadores e que cando cambia a concesión ou o propietario, continúen co cadro de persoal existente e evitar a picaresca asociada a estes casos. Supoñamos que eu teño unha empresa e decido vendela, nese caso os traballadores terían que continuar. Danse situacións nas que o que fai o empresario é intentar desfacerse dos traballadores a custo cero –despido libre puro e duro- cambiando simplemente o titular, ou sexa, a empresa pasa a figurar como propiedade da muller ou doutro socio pero coa mesma actividade e coa mesma clientela. Con estas fórmulas preténdese garantir a estabilidade. No caso de Galiza Dixital non hai sequera despido improcedente porque o que lles din é que acabou o servizo.
Para a empresa, tería custos engadidos manter o persoal?
Estamos diante dunha nova empresa, de fóra e descoñecida no sector. O único gasto que ten é o pago das nóminas porque disporían de persoal xa formado e canto ao material e demais gastos, corren a cargo da Xunta que é quen pon o lugar, San Martiño Pinario e o material da exposición.
Houbo máis contactos coa administración?
O primeiro contacto, tras comezar as mobilizacións, foi tras concentrarnos ante a Casa Museo de Rosalía en Padrón, onde Touriño presidía o acto de conmemoración do Día das Letras Galegas. Inmediatamente chamou a empresa ás traballadoras para ter unha entrevista de traballo no Hotel Los Abetos. Como xa tiñamos previsto esta posibilidade e acordado que se puxeran en contacto comigo así contestaron. Pero a min non me chamaron e, ao final, nin sequera apareceron. O venres 16 de maio chamoume o Director Xeral, Conde Mouzo, para manter unha xuntanza o mércores 21. A xuntanza foi un desastre porque viña explicar que a Xunta de Galiza pode externalizar os servizos pero non se pode meter na organización interna das empresas. Un discurso que xa coñecemos e que non aporta ningunha solución. A reunión rematou porque dixeron que non podían falar coa empresa porque era ilegal.
Demandades do Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que interveña con conflito. Que responsabilidade ten?
Directamente non ten responsabilidade, pero indirectamente si, porque é a administración quen pon as ferramentas de traballo, quen pon o local e esas traballadoras para quen traballan é para a administración. Cando visitas Galicia Dixital ves á Xunta, non á empresa que ten a contrata. Se se produce unha irregularidade da empresa cos traballadores a administración non pode intervir, pero se os traballadores se dedican a tomar o bocadillo no canto de atender ao seu traballo si lle diría á empresa que os sancionara, porque traballan para a Xunta e a empresa o que fai é servir de intermediaria. Ademais, a administración tamén media para que as empresas solucionen os seus problemas cos traballadores e, sobre todo, a Xunta ten que dar exemplo ás empresas privadas comezando por garantir que aquelas que traballan para a administración cumpren cos traballadores. Que estean falando de estabilidade no emprego e que logo na propia Xunta haxa empresas que non cumpren con eses requisitos mínimos é unha cuestión de coherencia política. Houbo máis contactos posteriores, pero polo momento, non temos resposta.
Que obxectivos poden ter eses contactos se non ofrecen solucións?
Neutralizar as mobilizacións para que esteamos agardando, pero a estas alturas, Touriño ten que ter claro que estas mulleres non teñen nada que perder porque xa quedaron sen posto de traballo e agora o que exixen é que asuma a súa responsabilidade. Se a vía do diálogo non funciona, o que queda é a mobilización.