marco
Compostela, 1/3/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Exixiron un servizo público, galego e de calidade

Manifestación de Correos en demanda de melloras na situación sociolaboral dos traballadores/as da entidade

Os traballadores e traballadoras de Correos, convocados por CIG-Correos, percorreron, o pasado xoves día 28 de febreiro, as rúas compostelás en demanda dunhas condicións laborais e salariais dignas. Ademais, exixiron que o servizo de Correos sexa público, galego e de calidade. A manifestación partiu ás 18:00 horas da Praza de Cervantes e rematou na Praza do Toural.

Os traballadores e traballadoras de Correos estabelecen como prioridade un incremento dos salarios que permita recuperar o poder adquisitivo perdido e a defensa dos postos de traballo, nun servizo de Correos público e galego.

Tamén exixen o incremento dos cadros de persoal para garantir o reparto diario e unha correcta atención ao público, ademais da cobertura das ausencias para non recargar aos compañeiros e compañeiras de traballo e poder garantir o mantemento da calidade dos servizos prestados. Ao tempo, demandan a mellora das condicións de traballo e o respecto aos dereitos dos traballadores, para conseguir que “se volva a facer da súa profesión algo digno”.

Contra a precariedade

CIG-Correos tamén considera imprescindíbel que se garanta a estabilidade laboral dos contratados e que se introduzan medidas contra a precariedade e o “escurantismo” do actual sistema de contratación.

Como xa viñan demandando en mobilizacións anteriores, reiteran a súa exixencia de que se actualicen os suplementos por aportación de vehículo e máis de local. Anxo Álvarez lembra que “en moitos lugares o propio carteiro ten que aportar o local e a cambio diso recibe unicamente 20 euros ao mes de indemnización da entidade”.

Ademais, seguindo a liña das últimas mobilizacións, reiteran a súa exixencia de que se derrogue o Deccreto de acceso á rede postal pública e o Decreto polo que se crean os chamados “contornos especiais”, cos que se suprime na zona rural o reparto postal ordinario a domicilio.