marco
Compostela, 15/1/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Concentración de delegados/as o mércores 16 de xaneiro, ás 11:30 horas diante da Consellaría

Convocatoria unitaria para reclamar de Educación un novo proxecto de orde para a xornada única

O pasado 27 de decembro, as organizacións sindicais do ámbito do ensino, CIG-Ensino, CCOO, UGT, ANPE, STEG e CSIF, presentaban diante do presidente da Mesa Sectorial Docente non Universitaria un escrito para reclamar un novo proxecto de orde sobre implantación da xornada única e demandar unha entrevista con carácter de urxencia. Ante a falta de resposta da Consellaría acordaron, de forma unitaria, convocar unha concentración de delegados/as e buscar o apoio dos claustros, dos consellos escolares e das ANPAs.
Manifestación do Ensino en defensa da Xornada Única en Compostela.

A concentración terá lugar o vindeiro mércores 16 de xaneiro, ás 11:30 horas, diante da Consellaría de Educación, en Santiago, co obxecto de reivindicar que a Consellaría retome as negociacións presentando un novo proxecto de orde que recolla, entre outras cuestións, que:

• Para proceder á modificación da xornada se requirirá a participación do 50 % do censo, entendendo un só voto por unidade familiar, e o voto favorábel dos dous terzos dos participantes.

• O transporte escolar nunca condicionará o cambio de xornada lectiva proposta e aprobada pola comunidade educativa.

Alén diso, acordaron recadar o apoio dos claustros de profesores e profesoras, dos consellos escolares e das asociacións de nais e pais.

As organizacións sindicais CIG-Ensino, CCOO, UGT, ANPE, STEG e CSIF agardan que a Consellaría recapacite e convoque de novo a negociación cun novo proxecto de orde, do contrario, as organizacións sindicais anuncian que continuarán coas mobilizacións.