marco
Compostela, 28/2/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A Mesa denunciara a un xefe de sección por dicirlle “Burra, no hables lenguas menores”

Carrefour recoñece a discriminación a unha empregada por falar en galego e di que tomou medidas

O director do hipermercado de Carrefour de A Coruña, no que se produciu recentemente o grave caso de discriminación lingüística a unha traballadora, pediu desculpas, segundo informa a Mesa pola Normalización Lingüística, explicando que se reprendeu ao xefe de sección que protagonizou o suceso, “indicándolle o respecto que debe ter polas persoas, a cultura e a lingua das mesmas”.
Desde a Mesa pola Normalización Lingüística afirman que José Manuel Rodríguez, director do centro de Carrefour de A Coruña, “descúlpase e informa da medida adoptada mediante un correo electrónico no que se responde ás queixas achegadas por cidadáns indignados polo suceso, que A Mesa deu a coñecer publicamente”. (Foto: ©Fernando Pol).

A Mesa anima a que se denuncien situacións semellantes no correo electrónico linhadogalego@amesanl.org ou no teléfono 902 106 474.

Desde a Mesa pola Normalización Lingüística afirman que José Manuel Rodríguez, director do centro de Carrefour de A Coruña, “descúlpase e informa da medida adoptada mediante un correo electrónico no que se responde ás queixas achegadas por cidadáns indignados polo suceso, que A Mesa deu a coñecer publicamente”.

Nese Carrefour, un xefe de sección recriminou ofensivamente a unha empregada por se dirixir en galego aos clientes: “Burra, no hables lenguas menores”. Segundo a información de que dispón A Mesa, non foi a primeira traballadora a quen esta persoa lle prohibiu utilizar a lingua galega.

A Mesa pola Normalización Lingüística manterá entrevistas cos responsábeis de Carrefour en Galiza tanto para terminar de aclarar este caso, como para que adopten medidas perante outras situacións de discriminación lingüística nesta mesma cadea de hipermercados. Outro exemplo de prohibición do galego é a devolución de escritos achegados neste idioma nalgúns dos servizos de Carrefour.

A Mesa censura estas prácticas “intolerábeis desde calquera punto de vista, aínda que moito máis se temos presente que Carrefour tivo convenios de colaboración co departamento de Política Lingüística do Goberno galego”.

A Mesa puido ter coñecemento deste caso grazas á Liña do Galego, un servizo gratuíto dirixido a toda a poboación e que xestiona a propia entidade, a través do cal se tramitan queixas por vulneración de dereitos lingüísticos. Pódese contactar coa Liña do Galego no correo electrónico linhadogalego@amesanl.org ou no teléfono 902 106 474. A Mesa garante a confidencialidade de todas as informacións achegadas á Liña do Galego, mais non acepta queixas anónimas.

Ademais, A Mesa pola Normalización Lingüística anima a todas as persoas a “utilizaren con normalidade o galego no seu traballo” e lembra que é “un dereito recoñecido pola lexislación e a xurisprudencia”.