marco
Vigo, 3/1/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Arredor de 1.300 delegados e delegadas chegados de todo o Brasil encheron o polideportivo da CESC en Vendas Novas (Belo Horizonte).
Wagner Gomes, elexido posteriormente presidente da CTB, diríxese aos congresistas na inauguración do Congreso fundacional. (Fotos: ©galizacig.com).
: brasil : : congreso : : CTB :
Continúa a reorganización sindical no Brasil

Celebrouse en Belo Horizonte o Congreso fundacional da CTB

A estrutura organizativa do sindicalismo brasileiro está a experimentar unha profunda transformación. A lexislación socio-laboral brasileira non recoñece xuridicamente a existencia de centrais sindicais. Herdeira en bastantes das súas características do modelo implantado polo presidente Getulio Vargas nas décadas dos 30 e 40 do século pasado e inspirada no modelo mussoliniano, esta situación vai mudar coa inminente aprobación polo Parlamento brasileiro dunha lei recoñecendo e dando atribucións ás centrais sindicais.
A CTB declárase clasista, democrática e autónoma. Pretende, no medio prazo, converterse na segunda central en importancia no Brasil.

A aprobación desta lei, en discusión sindical, social e política desde hai tres anos, está a provocar unha forte mudanza no escenario sindical do Brasil: tres novas centrais fundáronse desde que o Governo presentou a súa proposta de recoñecemento e atribucións. Configúrase deste xeito un mapa con cinco centrais sindicais que cumpren os requisitos para actuar como tais. O que está aínda por ver é a importancia relativa de cada unha delas, incógnita que tardará un par de anos en despexarse.

Como ocorre en todo congreso fundacional, os 1.300 delegados e delegadas que se deron cita en Belo Horizonte, capital do estado brasileiro de Minas Gerais, aprobaron a totalidade dos documentos en voces discordantes e por unanimidade, dando nacemento á CTB (Central de Trabalhadores e Trabalhadoras do Brasil). A CIG, xunto a outras centrais sindicais americanas e europeas participou como convidada e testemuña fundacional.

A inmensa maioría dos integrantes da nova central proceden da CUT (Central Única dos Trabalhadores), organización que está a sufrir unha continua fuga de afiliados descontentos coa súa “excesiva identificación” co Governo do presidente Lula. Esta central leva perdido o 40% dos seus afiliados nos últimos dous anos, nun proceso que ninguén se atreve a dar por finalizado.

A columna vertebral da CTB está constituída pola CSC (Corrente Sindical Clasista), expresión sindical do PCdoB (Partido Comunista do Brasil). A esta corrente pertencen o presidente, Wagner Gomes, e o secretario xeral, Pascual Carneiro, amais dun significativo número de dirixentes da nova central. Tamén se sumou a este proxecto o PSB (Partido Socialista Brasileiro), actuando a súa expresión sindical SSB (Sindicalismo Socialista Brasileiro) de entidade cofundadora. Igual rango ten a Confederación Nacional de Trabalhadores Marítimos e un grupo significativo de sindicatos rurais.

A CTB defínese como clasista, democrática e autónoma, e dando continuidade ao aliñamento previo da CSC, decidiu unanimemente afiliarse internacionalmente na FSM (Federación Sindical Mundial).

O próximo congreso da CTB vai ter lugar dentro de dous anos. Será nese congreso onde haberá que avaliar o camiño recorrido, a consolidación organizativa e o espazo social e sindical acadado, en competencia directa non só coa CUT, senón tamén coas restantes expresións do convulso movemento sindical brasileiro.