Antonio Niño, da CIG-Construción de Lugo, dirixiuse aos presentes no remate da manifestación e demandou unha implicación activa das Consellarías de Traballo e Industria neste conflito: “A Administración non pode mirar para outro lado e consentir os 30 despedimentos de Ingemarga e as ameazas da empresa contra os traballadores”, máxime cando se trata dunha empresa “que espoliou a zona” coa explotación de canteiras.
O representante da CIG reclamou novamente a readmisión dos empregados, o pagamento dos salarios adebedados e o cumprimento do convenio. “A súa intransixencia é a nosa resistencia!”, exclamou Niño ao rematar a súa intervención.
Por outra banda, os representantes da CIG e UGT na empresa acordaron convocar paros de 24 horas todos os mércores até que se consiga a readmisión dos 30 compañeiros que foron despedidos ao negárense a traballar as fins de semana, pois o Convenio da Construción estipula que a xornada é de luns a venres.