Suso Seixo, secretario xeral da CIG, recordou no seu discurso o éxito que obtivo o sindicalismo nacionalista no período electoral que acaba de concluír, ao se converter a CIG na segunda central da Galiza en canto a representación. Seixo relacionou estes bos resultados co alto grao de confianza do que goza a CIG nos centros de traballo. A clase traballadora, explica Seixo, é coñecedora de que a central “non renuncia aos principios de sindicato nacionalista, de clase e de transformación do país”, ademais de non claudicar ante o poder e as prebendas que este ofrece. Por tanto, o obxectivo que se marca a CIG para os próximos catro anos é situarse como primeiro sindicato da Galiza, reto perfectamente asumíbel, pois a central nacionalista ficou a tan só tres puntos da UGT neste último período de eleccións.
En relación cos traballadores da Construción de Pontevedra, o secretario xeral salientou as conquistas que obtiveron grazas as mobilizacións que protagonizaron o ano pasado. Estas melloras non só supuxeron subas salariais, senón tamén a consecución de dereitos sociais dos que nunca gozaran os operarios do sector. Seixo destacou o feito de que a CIG liderase este conflito grazas a ser o sindicato maioritario na Construción en Pontevedra, con máis do 50% da representación.
Xoán Xosé Melón, secretario nacional da Federación da Construción, foi un dos encargados de recoller o galardón. Melón dedicou unhas palabras emotivas a Lois Obelleiro, recentemente finado, “compañeiro entregado en corpo e alma á clase traballadora galega e á CIG”.
Loitadora polo ensino en galego
Xosefa Baamonde, de CIG-Ensino, foi a outra homenaxeada na gala, en recoñecemento ao labor sindical que vén desenvolvendo desde que participou na fundación da UTEG, en 1974, até hoxe, e o seu incondicional compromiso con Galiza e a nosa lingua. Non se pode esquecer a enorme dedicación de Xosefa Baamonde á defensa do idioma, loita que lle ocasionou represalias como a sanción que sufriu en 1981 por ser unha das primeiras docentes que impartiu aulas en galego.
A gala finalizou coa actuación musical do dúo conformado por Mini e Mero, que deleitaron os presentes cun breve percorrido polo seu repertorio de música tradicional, patriótica e antifascista. O acto foi clausurado posteriormente co canto do Himno Nacional.
Breve repaso do conflito da Construción
En febreiro de 2007, cos resultados definitivos das eleccións sindicais no sector da Construción, constatouse que a CIG, co 51% dos delegados e delegadas, pasou a ser a primeira forza na provincia de Pontevedra e a segunda en Galiza. Con este incremento abriuse un novo escenario e mudaron radicalmente as formas de negociación colectiva que viñan aplicando os sindicatos estatais até o momento.
A CIG comezou a convocar asembleas cunha alta participación de traballadores. A eventualidade, a sinistralidade, as xornadas abusivas, os incumprimentos en materia de vacacións, a descarada sobreexplotación de traballadores inmigrantes e os abusos cometidos amparándose nos contratos por obra configuraban un panorama contra o que a CIG e os traballadores no seu conxunto estaban dispostos a loitar.
A negociación do convenio colectivo, que tanto a patronal como CCOO e UGT pretendían condicionar á sinatura do convenio estatal, provoca, no mes de maio do ano pasado, que a CIG-Construción anunciase a convocatoria de mobilizacións e dunha folga inminente. Era a primeira en 18 anos e os traballadores afectados, nin máis nin menos, que 45.000.
As primeiras xornadas de folga, os días 23 e 24 de maio, son un éxito malia non obter resposta da patronal. A partir de aquí abriuse a porta á convocatoria dunha folga indefinida, logo de celebrárense concentracións, manifestacións e múltiples asembleas.
O xoves 27 de setembro, reuniuse a Executiva Comarcal da CIG-Construción de Vigo para ultimar os preparativos da folga da Construción que se iniciou o 2 de outubro.
Ese mesmo día remataban as asembleas convocadas en toda a provincia por mor da convocatoria da folga. Unhas asembleas nas que os traballadores manifestaron, de forma unánime, o seu apoio aos paros ao estaren “fartos de padecer a degradación continua das condicións laborais, a cambio duns salarios que a duras penas serven para atender as necesidades básicas das familias”.
Se xa nos primeiros días da folga a participación foi masiva, os traballadores redobraron o seu compromiso con manifestacións multitudinarias nos días posteriores. O 15 de outubro as asembleas de traballadores ratifican o acordo.
O resultado, un convenio no que se conseguiu unha suba salarial lineal do 5 por cento para todas as categorías, á que hai que sumar un complemento de 4 euros no caso dos axudantes, 8 euros para os oficiais de segunda e 12 euros para os oficiais de primeira. Ademais, estableceuse unha cláusula de revisión salarial, que é independente dos complementos no caso de que o IPC superase o 2,7% por cento en 2007 (como así ocorreu), o 2,6% en 2008 e do 2,5 % no último ano de vixencia do Convenio.
Tamén se conquistaron outras melloras en materia de dietas, ascensos, permisos, licenzas ou xubilación. Na incapacidade temporal fixouse un complemento de até o 100% da base de cotización en caso de enfermidade común desde o primeiro día até os 90 días e tamén en caso de hospitalización ou intervención cirúrxica.
Como freo á precariedade estabeleceuse que a porcentaxe de traballadores fixos debe ser, neste ano, do 25% e no 2009 do 35%.