marco
Compostela, 5/3/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Concentración, ás 11:30 diante da Consellaría de Educación

A CIG presenta un recurso de reposición pola exclusión da central dos Consellos Sociais das Universidades

A CIG convoca para esta mañá –mércores 5 de marzo–, ás 11:30 horas, unha concentración diante da Consellaría de Educación, en San Caetano, para denunciar a exclusión da central dos Consellos Sociais das tres universidades galegas. No decurso da mesma presentarase, no rexistro da Consellaría, un recurso de reposición para que se rectifique este “atropelo ilegal”.

Malia os resultados electorais proclamar á CIG como segunda forza sindical en Galiza, a Consellaría de Educación decidiu excluír ao sindicato nacionalista e deixalo sen representación nos Consellos Sociais das universidades galegas.

Esta decisión, que desde a CIG se valora como “sectaria”, adoptouse ao aplicar o regulamento polo que se rexen estes Consellos, segundo o que son as dúas centrais máis representativas de ámbito galego as que teñen dereito a participar nestes organismos, sen ter en conta os resultados actualizados das eleccións sindicais, que ratificaron á CIG como segunda forza.

A CIG soubo que estaba excluída cando, o pasado día 25 de febreiro, se fixeron públicos os nomes dos representantes da parte sindical e as propostas da CIG non estaban incluídas, malia ter sido entregadas en tempo e forma.

Diante desta situación, a CIG acordou presentar un recurso de reposición que será entregado no decurso da concentración, no propio rexistro da Consellaría.