Unha inmensa e múltiple “caravana da paz” formada por todo tipo de transportes converxeu no porto de Alacant para, ao longo de dous días, ser transbordada por barco ate o porto alxeriano de Oran.
Dúas ou tres veces por ano se repiten estas caravanas. É a única maneira de realizar os envíos masivos de axuda humanitaria que se recolle na península con destino aos 175.000 saharauis que habitan nos campamentos de refuxiados, pois o goberno marroquino que invadiu e ocupa militarmente a maior parte do territorio da RASD (República Árabe Saharaui Democrática) non autoriza o paso destas caravanas polo seu territorio.
De que a totalidade dos vehículos e material estiveron desembarcados, a caravana refíxose para dirixirse a Tindouf. Durante unha semana, a columna motorizada recorre os 1.800 km de deserto que separan as hortas da costa mediterránea do pedregal areoso de Tinduf.
A CIG participa na caravana cun camión que transporta 10 tm de material para proceder a instalar un sistema de subministro eléctrico ao hospital do campamento de Smara. Sen este subministro eléctrico, o hospital traballa moi por baixo das súas posibilidades ou, nos meses de máis calor, está practicamente pechado en áreas tan importantes como as de cirurxía ou pediatría.
O proxecto PICERSA, auspiciado pola CIG tendo como parceiro local á central sindical saharaui UGTSARIO, porá remedio a esta situación mediante un sistema mixto de enerxía eólica e solar fotovoltaica.
Paneis solares, aeroxeradores, baterías, xerador de fuel, elementos metálicos da estrutura, cadros e caixas de control, ferramentas, pequeno material eléctrico, parafusos, lámpadas de baixo consumo... constitúe a carga do camión adaptado especialmente para esta viaxe e posibilitará que no prazo dun mes poida ser inaugurada a instalación.