marco
Compostela, 1/12/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Exixen que a Xunta interveña e que se garanta a viabilidade da factoría

As traballadoras da antiga Valeo, actual Cableados Auto, concéntranse diante de Traballo ante a ameaza de peche

Traballadoras e traballadores da antiga Valeo, actual Cableados Auto, concentrábanse, na mañá deste luns primeiro de decembro, diante da consellaría de Traballo e o Igape, para exixir a intervención da Xunta de Galiza e que se clarifique a situación na que se atopa a empresa. O cadro de persoal da firma viaxou a Compostela desde o Porriño, en autobús, para denunciar a actitude da administración, que investiu cartos públicos sen garantir a súa utilidade, xa que podería botar o peche co remate do ano.

Para evitar a perda de postos de traballo provocados pola deslocalización de Valeo, o pasado mes de xullo formalizábanse uns acordos entre a empresa Cableados Auto e a Xunta de Galiza que implicaban a entrada da administración no accionariado da firma, a cambio do compromiso de manter os postos de traballo, coa posta en marcha dun plano industrial que xa estaba, teoricamente, aprobado e en marcha. 

Os traballadores/as da exValeo, malia demandar que se lle explicaran os contidos dese plano, non puideron acceder a el para evitar, segundo se lles explicou, o ‘espionaxe industrial’. Aínda así, aceptaron o cambio proposto ao ser un proxecto avalado pola Xunta de Galiza que mesmo contaba con investimentos públicos. 

Transcorridos uns meses, as traballadoras/es denuncian que ese proxecto industrial nunca existiu e que os seus postos de traballo están en perigo pola ameaza de peche da empresa antes de que remate o ano. 

Segundo explica Amelia Vila, presidenta do Comité de Empresa, o que se agocha tras destes movementos é o interese de Cableados de especular coa nave da fábrica, que ocupa 17.000 metros cadrados. 

Vila denuncia ademais a actitude da Xunta de Galiza, por ter investido cartos cando non existía realmente un proxecto industrial e demanda a súa intervención para evitar que máis de 90 persoas queden na rúa.