Desde as nove e media da mañá comezaron a chegar os e as case 140 congresistas que participaron deste II Congreso da Federación Galega de Alimentación, Mar, Téxtil e Transporte da CIG.
Luciano Villar, secretario comacal da FGAMT de Vigo, saudou ao comezo desta sesión de apertura ás delegacións convidadas que asistiron a este II Congreso da FGAMT, de ELA, LAB e a CGTP. Despois deu paso á intervención do secretario comarcal da CIG, Xerardo Abraldes nesta apertura do II Congreso.
Intervención de Xerardo Abraldes
O secretario comarcal da CIG de Vigo incidiu na importancia da crise financeira que "provocada polos xogos de salón dos especuladores, está a golpear gravemente a nosa comarca, e nomeadamente a esta federación, no téxtil que traballa para a automoción, asi como o transporte e a loxistica". Abraldes salientou que "estamos nun dos momentos máis críticos desde hai 14 ou 15 anos, polo que é moi importante facer visíbel este problema, porque é unha cuestión estrutural".
Asi, Abraldes destacou a incidencia das deslocalizacións "na procura de mán de obra máis barata", que está a provocar "unha auténtica reconversión de sectores clásicos da comarca de Vigo". Afondar na organización, a mobilización e a solidariedade de todos os sectores con aqueles máis afectados, son algunhas das cuestións indispensábeis para estes momentos de crise, segundo relatou o secretario comarcal.
Informe de xestión
Xosé Fernández Piñeiro, secretario nacional da FGAMT até esa xornada e que sería re-elexido, deu lectura ao informe de xestión presentado pola Executiva, e na que se realizaba unha analise autocrítica da situación organizativa, das eleccións sindicais, da acción sindical, a afiliación, formación e da negociación colectiva deseñada por esta federación nos últimos catro anos.
O informe de xestión foi aprobado por 131 votos a favor, 1 voto e contra e 4 abstencións. O regulamento desta cita congresual foi aprobada por unanimidade. Posteriormente escolleuse a Mesa Presidencial do Congreso, con 130 votos a favor e dúas abstencións.
Presentación de relatorios
Ao longo da mañá presentáronse os textos a debate nesta cita congresual, como o de organización e estatutos, e o de Negociación Colectiva e Acción Sindical. Os textos foron aprobados tamén cun apoio case que unánime.
Intervencións das delegacións convidadas
Antes do xantar tiveron lugar as intervencións das delegacións convidadas. En primeiro lugar participou Gurutz Gorraiz, de ELA, que fixo fincapé no respeito que existe entre as dúas centrais sindicais nacionalistas galega e vasca, e a confianza e traballo conxunto que existe desde hai anos. Gorraiz rematou a súa intervención acentuando que "a loita continúa porque loitar paga a pena".
Carlos Guinea, do sindicato vasco LAB, resaltou a aposta común pola negociación colectiva que mellore as condicións dos e das traballadoras, asi como a necesidade de "marcos propios de relacións laborais nos nosos paises".
Os representantes da CGTP, Francisco Manuel Figueredo e Fernando Joao, compartiron a situación que están a vivir en Portugal, co goberno neoliberal do socialista Sócrates, que tivo como consecuencia "grandes xornadas de loita" e fixeron un chamamento " a loitar contra a Europa do capital".
Xornada da tarde
Despois do xantar de confraternización deste II Congreso, retomáronse os traballos organizativos. Asi, Rosa Abuin, facía a presentación da candidatura á dirección nacional e á secretaria nacional, encabezada por Xosé Fernández Piñeiro, que "foi aprobada por unanimidade en todos os organismos da federación e que deberá traballar para que a crise non reduza dereitos". Rosa Abuin mencionou que os e as membros da FGAMT que participan desta lista "teñen demostrada a súa valia e honra política".
A votación deste organismo realizouse a man alzada e contou con 136 votos a favor e 1 voto en branco. A votación da candidatura a secretario nacional foi aprobada por 137 votos a favor e un 1 voto en branco.
Composición da nova Executiva
A nova Executiva está encabezada polo secretario nacional, Xosé Fernández Piñeiro, e composta tamén por Rosa Abuin, Xesús Pastoriza, Xabier Aboi, Teresa Vidal, Luciano Villar, Xesús García, Dores Martínez, Carlos Martínez, Ernesto López e Maria Xosé Vizoso.
Resolucións do II Congreso
Despois destas últimas votacións, pasou a darse lectura ás resolucións desta cita congresual, na que se pulou pola negociación colectiva, contra a directiva europea das 65 horas, contra a crise económica, asi como se apostou polo "marco galego de relacións laborais, irrenunciábel na loita pola soberania nacional". Outra das resolucións instaba ás administracións "a loitar polo cumprimento da igualdade entre homes e mulleres", asi como destacaba a necesidade de avanzar na negociación colectiva neste terreo. Tamén houbo un momento de lembranza para as mulleres vítimas da violencia machista.
O II Congreso amosou a súa solidariedade, a través doutra resolución coas empresas que están xa a sufrir as consecuencias da crise financeira como Montouto, Unitexga, Prevent, Caramelo, Selmark e Treves, nas que destacaron que "a imensa maioría das traballadoras son mulleres".
Intervención de Suso Seixo
Suso Seixo, secretario xeral da CIG, realizou unha intervención na clausura deste II Congreso da FGAMT, na que parabenizou "o esforzo para realizar a unificación desta federación, que realiza agora un traballo máis efectivo". Asi, explicou a "importancia do traballo de concienciación e a defensa do noso modelo sindical, de diferenciación, dun modelo non pactista".
O secretario xeral fixo unha radiografía da situación actual de crise e recalcou a importancia de "pelexar polo socialismo do século XXI". "Fronte a isto, o actual modelo o que propón é reducir as pensións de xubilación, maior flexibilidade, conxelación salarial e máis xornada", sinalou Seixo.
Mobilización nacional en xaneiro
Suso Seixo anunciou que a finais de xaneiro terá lugar unha manifestación nacional para reivindicar salarios dignos,contra a perda de poder adquisitivo, a conxelación salarial e a precarización das condicións laborais dos traballadores e traballadoras galegas.
Por último, Seixo adiantou que "queda moito por facer e pelexar, pero temos unha organización sindical forte e disposta a deixar o pelexo na rúa para defender os intereses da clase traballadora".
Intervención de Xosé Fernández Piñeiro
Para pechar este acto de clausura do II Congreso, Xosé Fernández Piñeiro dirixiuse aos e ás congresitas, asi como ás persoas convidadas. Piñeiro agradeceu o esforzo da anterior Executiva polo traballo realizado e engadiu que "a nova Executiva terá que realizar un traballo inxente no ano 2009 pola crise, na que terán que existir numerosas mobilizacións na loita polo emprego e a negociación colectiva".
Solidariedade activa, folga en Prevent
O re-elixido secretario nacional da FGAMT chamou a "unha política de resistencia diante desta situación, onde a solidariedade dentro da CIG ten que ser imprescindibel". Asi convocou a todos os delegados e delegadas a unha manifestación pola folga que o 2 de decembro está convocada na fábrica do téxtil, que traballa en exclusiva para a automoción, de Prevent, e que conta con máis de 200 traballadoras. A manifestación sairá da Praza dos Cabalos as dez da mañá.
Piñeiro salientou deste proceso que "a federación sae máis fortalecida internamente deste proceso", e conectou esta cuestión á necesidade de "preparar conxuntamente as eleccións sindicais, e de xeito rigoroso, porque nos xogamos moito".
Último congreso como secretario nacional
A formación como "tema definitivo, porque somos un sindicato con ideoloxia e que combate tamén nas ideas", foi outro dos temas analizados neste discurso de clausura, no que Xosé Fernández Piñeiro adiantou que "este será o último congreso ao que me presente, polo que espero axudar con esta decisión a mellorar e apoiar a renovación".
Máis imaxes
Podedes atopar máis imaxes deste II Congreso na Galeria fotográfica da nosa web.