marco
Compostela, 1/12/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Un órgano interministerial tomará como referente as queixas achegadas polo colectivo para adoptar medidas correctoras

O Goberno español usará os expedientes da Mesa para avaliar o grao de respecto aos dereitos lingüísticos en Galiza

O Consello das Linguas Oficiais na Administración Xeral do Estado, un órgano interministerial creado en 2007, vai utilizar os expedientes de queixa que lle remitiu A Mesa pola Normalización Lingüística para avaliar o grao de aplicación en Galiza da normativa vixente en materia idiomática. O presidente deste colectivo cidadán, Carlos Callón, amosa a súa “satisfacción pola predisposición positiva manifestada polo Goberno español” e agarda que se “adopten con dilixencia as medidas correctoras, posto que a Administración do Estado non pode continuar a actuar como se a lingua galega non existise”.
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, e Fran Rei, voceiro da Mocidade pola Normalización Lingüística.

Todos os expedientes de queixa tramitados pola Mesa foron reencamiñados a partir de queixas achegadas pola cidadanía a través da Liña do Galego (dispoñíbel no teléfono 902106474 e no correo electrónico linhadogalego@amesanl.org). Callón anima ao conxunto da poboación a utilizar este servizo público, “que está a demostrar a súa utilidade para avanzar na garantía dos dereitos lingüísticos en Galiza”. Ademais, o presidente da entidade sinala que “é por iso que este servizo está a ser atacado polos sectores máis reaccionarios da sociedade, os que non queren que se cumpran as leis que amparan minimamente o dereito a poder vivir en galego”.

As comunicacións de expedientes de queixa por parte da Mesa ao Goberno español referíanse, entre outros asuntos, a casos en que órganos da administración periférica en Galiza non ofreceron atención en galego a pesar de lles ser solicitada. Tamén se informou sobre páxinas web de organismos estatais en que non se ofrece versión en galego ou na que esta documentación non está dispoñíbel na nosa lingua, así como da presenza de toponimia deturpada e non legal en documentos oficiais.

Consello das Linguas

Ignacio Casas, responsábel da Oficina para as Linguas Oficiais do Ministerio de Administracións Públicas, que serve como órgano permanente de asistencia e apoio ao Consello das Linguas Oficiais na Administración Xeral do Estado, púxose en contacto coa Mesa para indicarlle que todos estes expedientes van ser tratados na próxima reunión interministerial.

Xunto con iso, na xuntanza abordarase un “estudo destinado a coñecer o grao de aplicación pola Administración Xeral do Estado da normativa vixente en materia lingüística, sobre a base dun cuestionario remitido aos órganos directamente obrigados ao seu cumprimento”. O obxectivo é, adoptar, “no seu caso, as medidas de corrección que se consideraren oportunas”.

O Consello das Linguas Oficiais na Administración Xeral do Estado é un órgano interministerial encargado de “lograr o mellor cumprimento das exixencias derivadas da existencia de distintas linguas oficiais e do seu recoñecemento na actividade dos departamentos que integran a Administración Xeral do Estado e dos Organismos Públicos dependentes ou vinculados a ela, para procurar unha mellor atención aos dereitos dos cidadáns”, segundo se indica no artigo 1.2 do Real Decreto 905/2007, do 6 de xullo, polo cal se constituíu o Consello.