Antón Álvarez: Como afronta a CIG en Ferrol este período electoral, con que expectativas?
Xesús Anxo López Pintos: Somos o maior sindicato da comarca e pasamos do 34% de delegados/as electos. As nosas expectativas pasan por medrar un punto máis. Estamos a recoller os froitos dun traballo moi ben feito durante os últimos anos. No metal e nos servizos temos moita introdución. Nestes dous sectores somos a primeira forza con moita diferenza. Aínda que estamos inmersos no proceso electoral, non esquecemos os problemas diarios desta comarca, xa que temos os índices máis altos de paro do Estado español. As empresas que se instalan veñen co concepto de que, ao haber moito desemprego, a xente vai admitir a explotación laboral ante a falta de expectativas. Isto provoca que o noso traballo diario sexa moi intenso. Aquí non houbo reconversión nin reindustralización nin alternativas. A autoestrada chegou tarde e o tren está obsoleto. Hai poucos polígonos industriais. En canto ao porto exterior, a primeira fase está concluída mais a segunda non se dá feito. Fíxose antes o porto que a estrada de comunicación. Todo isto dá a imaxe de que non se apostou por Ferrol, que non houbo iniciativas políticas pola comarca. De aí veñen os índices de paro tan altos.
Antón Álvarez: Por onde pasa o futuro do sector naval da comarca?
López Pintos: O naval sempre foi a locomotora da nosa bisbarra. Antes das chamadas reconversións dos anos 80, que non o foron, senón desmantelamentos, os dous estaleiros da Ría empregaban máis de 15.000 traballadores directos. Hoxe na antiga Bazán hai 3.500 e en Fene pouco máis de 300. En trinta anos, o plantel ficou reducido nun terzo. Á antiga Astano déronlle a puntilla en 2004 ao convertela nun apéndice de Bazán. En Fene tan só funcionan a pleno rendemento os diques de reparacións de embarcacións. Todo é consecuencia das negociacións políticas do Estado español con Bruxelas. No último acordo de 2004 sobre o estaleiro de Fene, asinado polos sindicatos estatais e maila SEPI, quedouse en que se podería construír un 20% de barcos civís en Astano. Mais, a realidade indica que esta porcentaxe foi parar para o estaleiro de Puerto Real (Cádiz). O PSOE apostou pola factoría andaluza para darlle esta carga de traballo. En Puerto Real nunca se fixeron barcos militares e, agora, fanse tanto militares coma civís.
Antón Álvarez: Como avalía a CIG comarcal a proposta realizada polo estaleiro Barreras e apoiada pola Consellaría de Industria de privatizar o estaleiro de Fene?
López Pintos: A CIG aposta por un proxecto integral público para os estaleiros da ría de Ferrol. Este plano foi aprobado polos máximos órganos da CIG a nivel comarcal e nacional. Na comarca defendemos a permanencia de Astano no sector público. O proxecto integral do que falo contempla a construción, reparación e transformación de embarcacións. Os dous estaleiros da Ría están capacitados para facer isto. Cómpre dicir que na mesa de negociación da Consellaría de Industria sobre o futuro de Astano están só os representantes da Federación do Metal da CIG e non os da Unión Comarcal. Pero queda claro que, a día de hoxe, a CIG aposta pola permanencia de Fene no sector público. Paréceme o mundo ao revés que o BNG aposte pola privatización da antiga Astano, cando sempre se apostara polo sector público. O naval é un sector estratéxico nacional. A SEPI tamén di que os acordos que ten asinados con Bruxelas impiden que en Fene se fagan barcos aínda que se privatice o estaleiro. Estase a dicir que a SEPI minte. Din que se se privatiza se poderían construír barcos. Mais este non é o problema, senón o veto político que sofre esta comarca para que o naval non erga a cabeza. Hai que combater a decisión política e premeditada que condena a Astano ao peche. Non se pode dicir que non hai nada que facer mentres Astano sexa público, como sosteñen desde Industria, e presentar a privatización como solución. Os poderes públicos dano todo por perdido. Nós non estamos de acordo. Hai que loitar polo público e o futuro pasa por aí. Se Astano se privatiza precarizarase. Todo aquilo que no sector público non é rendíbel e no privado si é porque aquí se precariza. Vémolo nas auxiliares. Na empresa Nervión despediron 300 traballadores despois de que conseguisen o convenio. Isto é a privatización. Hai que loitar por reclamar ese 20% de construción civil para Fene, pero sempre dentro do sector público.
Antón Álvarez: Outro dos problemas existentes na Ría é a súa contaminación. Como está a situación actualmente?
López Pintos: Non existe saneamento da Ría. En 1992 a Xunta e mailos sindicatos asinaran un documento de relanzamento da bisbarra, que contemplaba que o saneamento integral estaría rematado en 1995. Pasaron doce anos e aínda non se conseguiu. A Ría emprega máis de 500 familias. O banco de As Pías é o máis importante de ameixa babosa de todo o país. Desde setembro de 2006, vénse aplicando un baremo de contaminación por augas fecais. O marisco analizado obrigou a catalogar a Ría como zona C, isto é, que o marisco non se pode vender directamente até que non se reinstale nunha zona limpa nun mínimo de dous meses. Isto ocasionou grandes problemas aos mariscadores/as, ao perderen ingresos e estando a poucas datas do Nadal. Houbo mobilizacións do sector nas que a CIG estivo á fronte delas. Nós fixemos unha proposta nunha mesa de negociación para paliar esta situación e conseguimos un plan integral para que, a partir de 2010, se poida extraer o marisco da zona C e reparquealo cara a zona B, onde si se pode vender directamente despois de dous meses de depuración. Este acordo contempla, ademais, traballos de limpeza da Ría e formación dos e das traballadoras.
Antón Álvarez: Cales son os principais factores que inflúen nos altos índices de sinistraliedade no traballo?
López Pintos: Existe un grande déficit de inspectores de traballo e, os que hai, funcionan como queren. Cando os empresarios comenten infraccións na contratación e na seguridade pagan multas, mais hai que conseguir que teñan responsabilidade penal polos seus actos. Non se pode consentir que un empresario, ante unha denuncia por impago, non teña responsabilidade penal. Se isto fose así, seguro que o pensarían antes de non pagar os traballadores/as ou de despedilos/as por estar afiliados/as a un sindicato. Agora todo queda en sancións administrativas e isto atenta contra a dignidade das persoas.