O obreiro está ingresado na Residencia. Segundo as informacións que manexa a CIG, o traballador ten lesións cervicais.
O accidente produciuse na zona coñecida como o “espaldón”, a mesma na que se rexistrou o penúltimo sinistro nas obras da dársena exterior, ocorrido o pasado 8 de xullo. A CIG denuncia que o lugar onde se produciu o accidente non está identificado como zona de traballo e, por tanto, non existe unha valoración de riscos.
O traballador estaba a limpar cunha mangueira o seu camión a unha altura de tres metros. Ao caer a auga sobre un cadro eléctrico situado a carón do vehículo, orixinouse un curtocircuíto que provocou unha descarga que tirou cara atrás o condutor. O operario caeu sobre unha zona rochosa, de difícil acceso, polo que foi necesaria a actuación dos bombeiros para o seu rescate.
A CIG reitera as súas denuncias sobre as presións que sofren acotío os traballadores que prestan servizo na zona do “espaldón” para incrementar o ritmo de traballo, mesmo baixo ameazas de despedimento. Estas circunstancias foron postas en coñecemento da Inspección de Traballo en múltiples ocasións. Por tanto, a central nacionalista esixe que este organismo paralice a actividade no lugar do sinistro até que se investiguen os feitos e se depuren as responsabilidades pola falta de seguridade nesta zona das obras.
No lugar do sinistro de onte volveu fallar a iluminación, pois só había un foco mais este non dispuña de pantalla, aspecto que mermou considerabelmente a visibilidade. Pouco despois de se producir o accidente, o foco xa contaba cunha pantalla.
A CIG denunciará este novo accidente na Inspección de Traballo. Ademais, esixe novamente o cesamento inmediato do coordinador de Seguridade da UTE- Langosteira, do coordinador de Seguridade da UTE-Supervisión e do encargado xeral das obras de Punta Langosteira.