marco
Compostela, 1/8/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Reincorporaranse aos seus postos de traballo o 4 de agosto

Readmitidas as traballadoras de Galicia Dixital tras máis de dous meses de mobilizacións

O luns día 4 de agosto reincorpóranse aos seus postos de traballo as traballadoras da exposición permanente Galicia Dixital que foran despedidas o pasado mes de maio tras pasar a xestionar a mostra a nova concesionaria, Telecyl S.A. Foron necesarios máis de dous meses de constantes mobilizacións para que se chegara a un acordo e foran readmitidas.

Este xoves día 31 de xullo ratificábase o preacordo asinado xa o 8 de xullo na Consellaría de Traballo entre a empresa Telecyl S.A, concesionaria da xestión da exposición Galicia Dixital, e as traballadoras da mostra. Un acordo polo que todas as traballadoras que tiñan presentada reclamación polo despedimento son readmitidas despois de máis de dous meses de continuas mobilizacións.

Inicialmente estas traballadoras comezarán cun contrato de fin de obra con eficacia desde o 10 de maio, día que lle adxudicaron a contrata á nova empresa concesionaria e, posteriormente, a empresa e a representación sindical das traballadoras someteranse a un AGA para dirimir se opera o dereito de subrogación nesta contrata.

Despedidas a principios de maio

Galicia Dixital, dependente da Secretaría Xeral de Comunicación –consellaría de Presidencia-, comezou a súa andaina no ano 2000. Até o día de hoxe, tres empresas diferentes obtiveron a concesión para encargarse da mostra. En todos os casos, ao longo destes 8 anos, as traballadoras (10 traballadoras e un traballador) mantiveron o seu posto, ou o que é o mesmo, foron subrogadas. Porén, a comezos do mes de maio, a nova concesionaria, Telecyl S.A, faise coa concesión, négase a subrogar ao persoal e as traballadoras van ao paro. A partir dese momento comezan unha campaña de constantes mobilizacións diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza cando se celebraba Consello da Xunta, de San Martiño Pinario, onde está ubicada a exposición ou seguindo ao Presidente da Xunta nos diferentes actos aos que este asistía para lembrarlle a súa situación e demandar solucións.

Roberto Alonso, secretario comarcal de CIG-Servizos en Compostela manifesta a súa satisfacción polo acordo acadado pero lamenta que foran necesarios máis de dous meses para chegar a admitir a súa readmisión por uns despedimentos que non se tiñan que ter producido. “Aforrábamos todos en problemas”.