marco
Vigo, 10/10/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Diante dunha proposta da patronal para negociar

Adiase a folga de limpeza de edificios e locais na provincia de Pontevedra até o dia 20 de outubro

Este venres 10 de outubro celebráronse asembleas para dar a coñecer as novidades no conflito polo convenio provincial de limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra. Diante das mudanzas existentes, xa que o luns terá lugar unha xuntanza entre patronal e sindicatos, aprobouse adiar a convocatoria de folga até o próximo dia 20 de outubro, para coñecer cal é a nova oferta que quere realizar a patronal.

Nas asembleas que se celebraron mañá e tarde as centrais sindicais convocantes desta folga, CIG, CCOO e UGT, deron a coñecer as mudanzas no conflito pola negociación do convenio colectivo da limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra.

Nestas asembleas informouse da celebración do xuízo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza na Coruña, pola impugnación da Patronal do laudo emitido polo AGA, no que se lle daba a razón ás centrais sindicais no sentido de que o preacordo fixaba cantidades acumulativas de suba de salario no preacordo que asinaran ambas as dúas partes. Maria do Tránsito Fernández, secretaria comarcal da CIG Servizos de Vigo, informou de que "fora un xuízo satisfactorio e no que quedou probada que a parte sindical tiña razón e que non nos enganamos e asinamos un moi bo preacordo para os traballadores e traballadoras de sector, e de feito, é tan bo que por iso a patronal non o quere asinar e está a montar este circo".

Trasladase a convocatoria de folga indefinida

Asi tamén se informou de que se traslada a convocatoria de folga indefinida no sector ao 20 de outubro, pola chamada da patronal para realizar unha nova oferta este luns 13 de outubro, e sinalouse que "hai unha parte importante dos empresarios que están a favor de asinar o preacordo xa acadado, e non queren que cheguemos á folga, porque teñen moito medo do que iso pode supor".

Servizos mínimos suspendidos

Asi, a secretaria comarcal de Servizos da CIG informou da impugnación dos servizos mínimos presentados pola Subdelegación de Traballo, por consideralos abusivos, e que quedaron suspendidos por orde xudicial.