marco
Compostela, 10/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
O acordo, asinado en 2005, recolle as melloras das condicións de traballo e un incremento da produtividade

A CIG-Administración denuncia o incumprimento do acordo para os/as traballadores/as de Institucións Penitenciarias

A sección de Institucións Penitenciarias da CIG-Administración vén de denunciar o incumprimento do acordo asinado o 29 de marzo de 2005 entre o Ministerio do Interior, concretamente a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, e varias organizacións sindicais representativas do sector, entre as que se atopa a CIG. O acordo recolle melloras das condicións de traballo, incremento da produtividade e optimización do funcionamento da Administración Penitenciaria.
A sección Institucións Penitenciarias da CIG-Administración criticou o incumprimento do acordo acadado co Ministerio do Interiorso, que recolle as melloras das condicións de traballo.

No marco do acordo tamén se recollía a apertura dunhas mesas de negociacións para tratar a oferta de emprego, formación, prevención de riscos laborais, funcións e relacións de postos de traballo, horarios e funcionamento operativo dos centros, melloras nas infraestruturas penitenciarias, aspectos retributivos, así como o estudo da problemática sobre o persoal laboral, nocturnidade e medidas sociais.

Estes temas deberían estar totalmente desenvolvidos e executados a 31 de decembro do presente ano, pero a Administración Penitenciaria, nos casos nos que se constituíron as mesas e se acadaron acordos, estes, ou ben foron ignorados ou aplicados modificando, unilateralmente e de forma substancial, o contido de ditos acordos.

Como exemplo do anterior, vale dicir que a modificación da idade de 55 anos para acceder a xubilacións anticipada e a segunda actividade, pactada no acordo e desenvolvido no proxecto de iniciativa legal consensuado e asinado cos sindicatos, foi cambiada pola propia Administración do Estado e elevada até os 57 anos, sen realizar ningunha consulta nin comunicación aos representantes dos/as traballadores/as.

Os temas de formación, persoal laboral, seguridade e nocturnidade, nos que se deberían ter constituído mesas de traballo aínda non foron postas en marcha a pesar da insistencia dos sindicatos.

Dende o sector de Institucións Penitenciarias da CIG destacan que todo isto demostra “o desprezo aos pactos acadados cos representantes dos/as traballadores/as, manifestándose nun absoluto abandono das competencias da Administración, preocupada unicamente pola cobertura dos postos xerados pola nova estrutura da cúpula penitenciaria”.

Así mesmo indican que esta situación se está a producir nun momento no que a Institución se está a ver desbordada polo brutal incremento da poboación reclusa “e as únicas medidas que se tomaron, dende hai máis de dous anos, foron a apertura de tres centros tipo e tres centros CIS sen que en ningún deles remataran as obras, polo que se está a compatibilizar a actividade penitenciaria coa propia construción dos centros”. “Todo isto significa a incompetencia do equipo directivo para solucionar a problemática actual que padece a Institución Penitenciaria”, valoran dende esta sección da CIG-Administración.