marco
Compostela, 10/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A concesionaria despediu ao candidato da CIG ao Comité de Empresa unha semana despois de ser elexido

A CIG denuncia a precariedade e a represión sindical en Ambulancias Egara-Mon

A CIG-As Rías compareceu o venres 7 de novembro para denunciar a situación que están a pasar os/as traballadores/as da empresa Ambulancias Egara-Mon, T.S., S.L. Os responsables da empresa despediron a dous candidatos e coaccionaron os/as traballadores/as que tomaron parte nas Eleccións Sindicais. Dende a CIG denúnciase tamén os reiterados incumprimentos do Convenio de aplicación para as empresas e traballadores/as de transporte de enfermos e accidentados da Comunidade Autónoma de Galicia.
Teresa Vidal e Xan García denunciaron a situación que están a vivir os traballadores e traballadoras da empresa Ambulancias Egara-Mon.

A empresa Ambulancias Egara-Mon, T.S., S.L, de orixe catalán, e con centro de traballo en Ribeira, gañou a concesión do servizo de transporte en ambulancia para pacientes programados (persoas con tratamento hospitalario periódico: diálise, quimioterapia, etc) que da cobertura a un número elevado de concellos (zona de Barbanza, O Sar, A Barcala).

Os feitos remóntanse a comezos de setembro logo de celebrarse unha asemblea de traballadores nas instalacións da empresa en Ribeira, na que un traballador saíu proposto como candidato pola CIG.

Logo de cursar o correspondente preaviso, este traballador é despedido pola empresa mediante carta na que se recoñece a improcedencia do despedimento. Polas mesmas datas tamén se despediu a un candidato da CUT.

A pesar deste feitos, o día sinalado no preaviso, o 9 de outubro, constitúese a Mesa Electoral. Á vista do censo, a CIG presenta un escrito de reclamación ao observar que o candidato non figura no mesmo, entendendo que debe figurar posto que se reclamará contra o seu despedimento e se pedirá a súa nulidade. Diante desta situación, os demais sindicatos presentes (CCOO, UGT, CUT) manifestan a súa conformidade de incluír ao candidato despedido. Pola súa parte, dous membros da Mesa Electoral, a pesar de non ditar ningunha resolución, manifestaron a súa conformidade coa inclusión e outro deles optou polo silencio (este último sería o candidato de CCOO).

En data de 13 de outubro a Mesa manifesta mediante escrito asinado a aceptación dos dous candidatos. A pesar das insistentes ameazas de despido aos membros da Mesa por parte da empresa, as eleccións celebráronse con vitoria da CIG con 13 votos, quedando no 2º posto CCOO con 12.

Diante deste resultado, a empresa impugna as eleccións, ditándose laudo arbitral o día 31 de outubro validando o proceso electoral, cando menos até que se resolva nos Xulgados o despedimento.

Xornadas abusivas

A CIG aproveitou para denunciar esta situación de represión sindical ao tempo de facer públicos os continuos incumprimentos da empresa, que chegou a afirmar a unha compañeira da CIG "que no sector de ambulancias en Galiza non se cumpre o convenio e nós non imos ser menos".

Os traballadores vense obrigados a comer bocadillos pola falta de tempo, con xornadas intempestivas de até 14 e 15 horas, sen cumprir os descansos obrigatorios entre xornada e xornada, producíndose accidentes laborais debido ás inhumanas condicións que soportan os operarios, e non cubríndose, ademais, as baixas que se producen.

A CIG denuncia esta empresa incumpre practicamente todo o Convenio de aplicación para as empresas e traballadores/as de transporte de enfermos e accidentados da Comunidade Autónoma de Galicia.

Estes feitos, en coñecemento da Inspección de Traballo, tamén foron comunicados á Consellería de Sanidade, para a CIG responsábel de non controlar onde se invisten os cartos públicos.

Desde a CIG considérase que a situación recobra máis gravidade se cabe, posto que se trata dun servizo básico de primeira necesidade, que ten que funcionar debidamente, respectando escrupulosamente os dereitos dos traballadores, que deben estar en perfectas condicións para un correcto funcionamento do servizo.

Con esta denuncia, a CIG inicia unha campaña de sensibilización social que non rematará até que o compañeiro despedido retorne ao seu posto de traballo e a empresa cumpra co Convenio Colectivo.