marco
Compostela, 10/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
O gasto educativo galego sitúase case 1 punto por debaixo do PIB destinado a Educación polos países da OCDE

A CIG-Ensino considera que os orzamentos da Consellería para 2009 son insuficientes para avanzar na calidade da educación

O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, fixo pública a valoración da central dos orzamentos presentados pola Consellaría de Educación para o ano 2009. Estes orzamentos non só son insuficientes para avanzar na calidade do ensino senón que son os que menos medran desde a entrada do novo goberno na Xunta de Galiza. Os orzamentos da Consellaría de Educación para o ano 2009 suporían un total de 2.389 millón de euros (102 millóns máis respecto de 2008), de xeito que a Consellaría medra só un 4,45%. Para atopar índices máis baixos de crecemento hai que remontarse aos orzamentos de 2003.
O Secretario Nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, asegurou que os orzamentos da Consellería de Educación para o 2009 son insuficientes para mellorar a calidade do ensino.

Hai que ter en conta que o gasto educativo galego está preto de 1 punto por debaixo do PIB destinado a Educación polos países da OCDE que se sitúan no 5,7% fronte ao 4,8% que Galiza dedica a Educación. Anxo Louzao destacou que “estes orzamentos incumpren o acordo de goberno no que se contempla que nesta lexislatura se incrementaría o gasto educativo até acadar o 6% do PIB e se tiñan que reducir as rateos de Educación Infantil a 15 alumnos/as por aula”.

Con estes datos, é obvio que a aplicación da LOE carece das achegas necesarias para o seu desenvolvemento, para atender as necesidades educativas especiais e a diversidade escolar. Anxo Louzao manifestou que a crise económica ten repercusións graves nestes orzamentos, o que suporá agrandar máis as carencias do noso sistema educativo, cando se trata dun servizo básico e fundamental. O investimento educativo público supón unha aposta para diminuír as desigualdades sociais, pero estes orzamentos fano difícil, pois están lonxe do gasto educativo necesario, máximo se temos en conta que o 11% está dirixido a subvencionar o ensino privado.

Necesidade de melloras nos centros escolares

Se analizamos os orzamentos por capítulos podemos tirar algunhas conclusión que evidencian a falta de compromiso coa mellora na calidade do ensino.

Obsérvase que no capítulo II os gastos por reparacións, mantemento e conservación dos centros escolares decrecen un 8,97%, malia que no ano 2008 xa non medraran, pasando de 725.000 euros a 660.000 euros. Os orzamentos destinados á reparación, ampliación e mellora dos centros educativos, así como á adquisición de novo equipamento ou construcións experimenta unha queda importante. Redúcese nun 23% para Infantil, Primaria e ESO e un 26% para Bacharelato e FP. Sorprende a redución tan acusada desta partida cando hai moitos centros educativos que debido aos moitos anos que levan funcionando necesitan unha mellora significativa.

No que respecta a partida dedicada ao transporte escolar e aos comedores só se incrementa nun 3%.

O gasto de funcionamento dos centros educativos de Ensinanzas Artísticas e FP non teñen ningún crecemento.

Subvencións á ensinanza privada

No capítulo IV destaca a grande cantidade destinada á subvención do ensino concertado, 256.978. 879 euros. Os concertos na Educación Infantil supoñen un gasto de 39.408.388 euros, un 12,6% máis que o ano pasado. Hai que sinalar que esta partida supón o 10,7% do orzamento total da Consellaría.

Inxustificábel e sorprendente é a contemplación da subvención de 30.051 euros que se recolle para a “Real Academia Española”. Pola contra, soamente se contempla un investimento de 85.000 euros, un 22,73% menos que no ano 2008, para a normalización lingüística, cando se segue incumprindo e non está iniciado ningún plano de formación do profesorado e os recursos son insuficientes para aplicar o novo Decreto de Normalización Lingüística.

No capítulo VI os investimentos reais en formación e perfeccionamento do profesorado pasan de 3.126.200 euros do ano 2008 aos 2.729.447 euros do 2009, o que supón unha redución do 13%. Ademais, os cadros de persoal dos centros continuarán sendo insuficientes, pois, só se amplía a cota/continxente/cantidade de profesorado en 57 mestres/as.

Atallar o fracaso escolar

Cando van máis de 13 anos de promulgación da Lei de Saúde Laboral, destínanse unicamente 30.000 euros para esta materia, sen ningún incremento respecto do orzamento dos anos anteriores para un colectivo de 32.000 docentes. Con este investimento, o profesorado galego continuará a ser o único colectivo que seguirá sen ter unha revisión médica anual, a pesar de ser un dos seus dereitos e dos requirimentos do Valedor do Pobo, despois das queixas da CIG-Ensino.

Os programas previstos para actuar contra o abandono escolar temperá, o fracaso escolar e a mellora do éxito escolar, alcanza os 24 millóns de euros (investimento que na súa maioría procede dos fondos sociais Europeos ou do MEC) decrecendo preto dun 4% respecto do ano 2008. Tórnase insuficiente a todas luces, tendo en conta que o 24% do alumnado non acada nin sequera o graduado en Educación Secundaria escolar.

Estamos ante uns orzamentos que non dan resposta a unha serie de necesidades urxentes que padecen os centros educativos e o ensino en Galiza como son: A dotación de administrativos/as nos centros de Infantil e Primaria, redución das rateos en todos os niveis educativos, nomeadamente en Infantil, onde segue habendo aulas de 25 alumnos, malia o compromiso no pacto de goberno de reducilo a 15.

“A pesar de que no ano 2008 se van aplicar moitos aspectos da LOE, estamos ante uns orzamentos sen recursos para diferentes cuestións como, por exemplo, para aplicar o plano integral de convivencia escolar, aprobado o curso pasado; o incremento dos cadros de persoal, dotar de administrativos/as os centros, etc”, aseverou o Secretario Nacional de CIG-Ensino.