O primeiro dos xuízos por despedimentos de traballadores inmigrantes en Eshor celebrouse o 10 de xuño en Ferrol. Algo máis de medio centenar de delegados/as da CIG e traballadores concentráronse ás portas dos Xulgados da cidade para condenar as prácticas escravistas da construtora, solidarizarse co traballador denunciante e apelar á unidade dos obreiros do mundo enteiro para responder ás agresións patronais.
Xa na vista, o avogado da CIG ferrolá informou que a empresa lle fixo tres contratos diferentes ao traballador denunciante, o obrigou a asinar baixas voluntarias, non lle remunerou as vacacións nin as horas extraordinarias e o despediu en canto se puxo en contacto coa CIG para denunciar a situación que padecía. Por tanto, o letrado da central entende que Eshor vulnerou a tutela da liberdade sindical do traballador. O avogado recordou que, nos últimos 17 meses, só na comarca de Ferrol se produciron 580 “baixas voluntarias” en Eshor.
Juan José Espiñeira, responsábel de Recursos Humanos, negou durante a vista que a xornada laboral excedese dos límites legais. Afirmou, pola contra, que tanto as horas extraordinarias como as vacacións se pagan e que o número de “baixas voluntarias” na empresa entra dentro do “normal”. Mentres, a responsábel de Persoal de Eshor, Graciela Alonso, argumentou no xuízo que o despedimento do traballador denunciante se produciu pola “súa deslealdade” e por “mentir e calumniar”.
Todas as manifestacións dos representantes da construtora foron desmentidas na vista por unha antiga traballadora da empresa, que durante tres meses se encargou da elaboración das nóminas. Esta rapaza manifestou que, durante o tempo que estivo na construtora, “non se pagaban finiquitos” ou que as nóminas se confeccionaban segundo as horas traballadas e non por convenio. Asemade, dixo que non se remuneraban as vacacións e que os empregados, antes de gozaren delas, eran dados de baixa na Seguridade Social para logo seren contratados novamente. A rapaza tamén comprobou durante a súa estadía na construtora como nos partes de xornada figuraban 10 horas traballadas ao día.
Esta testemuña amosou unha enorme fortaleza e valentía durante a súa declaración pese as coaccións da avogada da empresa que a ameazou durante o xuízo con emprender accións legais contra ela. Por outra banda, o exceso de horas foi corroborado tamén por un antigo obreiro de Eshor e por un membro do actual comité de empresa.
Outras irregularidades cometidas co traballador denunciante
No primeiro dos contratos asinados polo denunciante, que se formalizou o 29 de novembro de 2006 e que a empresa rescindiu o día posterior, o obreiro percibiu tan só 51 euros de salario base, mais obtivo 36´40 en concepto de “desgaste de ferramenta” (plus non salarial polo que o empresario non cotiza á Seguridade Social e que actualmente se paga a menos dun euro). O traballador, ademais, non recibiu nin o plus de asistencia nin o de transporte e as pagas extraordinarias foron prorrateadas por días en lugar de por meses, práctica contraria a dereito.