Á denuncia de Viproga sumábase o Partido Popular quen acusaba ademais á consellaría, de adxudicar a contrata a unha empresa “do entorno do BNG”. La Voz de Galicia fíxose eco da denuncia dándolle ampla cobertura durante dous días.
Fronte a estas acusacións, CIG-Servizos acusaba, en rolda de prensa, a Viproga por presentar unha oferta ilegal. O secretario nacional da federación, Paulo Rubido, lembraba que a CIG ten denunciado en non poucas ocasións as irregularidades detectadas tanto á anterior administración como á nova e matizaba que “porén neste caso imos aportar datos que demostran que é absolutamente o contrario”.
Rubido explicou que o sector de seguridade privada está regulado por un convenio colectivo de carácter estatal, publicado no BOE e en vigor, que estabelece no seu artigo 74 “un pacto de repercusión en prezos de competencia desleal, segundo o que se fixan uns valores mínimos por debaixo dos que as empresas non poden licitar e sería irregular presentarse a concurso”.
Isto afecta tanto ás administracións públicas como ás empresas privadas. Trátase dun pacto asinado tanto pola representación da patronal como pola sindical que marca uns prezos que son revisados anualmente, publicados no BOE e que se calculan en función dos salarios estipulados para o sector.
O prego de cláusulas particulares publicado pola consellaría é o que estabelecía os requisitos que tiñan que cumprir as empresas para poder concorrer á adxudicación do servizo de vixilancia do complexo do Gaiás. Rubido explica que neste prego, na cláusula 14, defínense os criterios de valoración das ofertas. “É o guión que os empresarios teñen que seguir para calcular as ofertas que presentan en función de criterios como mellora técnica, económica, medios humanos, materiais e onde se estipulan as condicións da proposta económica. O que se fai ademais no caso das de seguridade privada é cuantificar o total de horas que saen a subasta nese servizo en función do número de traballadores, iso multiplícase e dá unha contía total de horas e en función destas cóllese o valor determinado no BOE como prezo mínimo para poder concorrer co que sabemos cal é a contía de mínimos que hai que cumprir”.
Xunto a iso, no prego de cláusulas particulares para a prestación de servizos de vixilancia da Cidade da Cultura, estabelécese expresamente que todas as ofertas han de cumprir o artigo 74 do Convenio Colectivo de seguridade onde se estabelecen os prezos mínimos para poder concursar.
Esta cláusula, ademais, foi incluída no prego de condicións e cláusulas particulares a petición da CIG, ao igual que se fai en todos os concursos que a administración pública xestiona.
O empresario de Viproga queixábase de que a súa oferta, sendo máis barata obtivo cero puntos mentres que a da empresa que resultou adxudicataria obtivo 36,5. Unha puntuación que desequilibrou o concurso e fixo que non a puidera sacar. “A proposta de Viproga quedou descualificada na medida en que o prezo que a empresa aportaba estaba por debaixo do prezo estipulado no artigo 74 do Convenio Colectivo e que o prego de condicións técnicas estabelecía como requisito imprescindíbel para que a oferta económica fora aceptada. É dicir, neste caso en concreto, Viproga non cumpriu un dos requisitos da plica. Un requisito que todas as centrais sindicais que operan na seguridade privada facemos ás administracións”.
Evitar ofertas temerarias
Coa demanda da inclusión do artigo 74 perséguese evitar a presenza no sector de ofertas temerarias. Ofertas estipuladas por debaixo do prezo mesmo do que custa o salario do traballador. Cando unha contrata obtén unha concesión sabe con cantos traballadores ten que contar, os salarios a pagar segundo o estabelecido en convenio, os custos de cotización, as continxencias por baixa común ou por accidente de traballo..., situacións laborais ás que ten que facer fronte.
O secretario nacional da federación de Servizos sinala que “se a oferta presentada está por debaixo do prezo estipulado os ingresos que vai obter por ese concurso non lle van dar para pagar salarios”. As consecuencias serán, ou ben a precarización das condicións laborais co que iso implica “horas extra sen remunerar, traballadores sen asegurar á SS, xornadas laborais sen control, desregulación dos horarios laborais, réxime laboral totalmente represivo... “, ou ben o impago dos salarios.
Viproga acumula atrasos no pagamento dos salarios no CHUS
Casualmente no caso de Viproga, empresa que adoita presentarse po debaixo dos costes, a CIG ten xa acumulados, nestes últimos cinco anos, máis de 40 sentenzas na súa contra por incumprimento do convenio colectivo laboral vixente. “Viproga, obviamente non está dacordo con aplicar o artigo 74, colle contratas de concursos de Seguridade Privada en base a presentar prezos por debaixo do estipulado en convenio. Prezos que non lle dan para pagar salarios e asegurarse, ao tempo, os beneficios”.
Viproga neste momento é a concesionaria do servizo de seguridade do Complexo Hospitalario da Universidade de Santiago (CHUS), no cal ten 40 traballadores que cobraron a nómina de decembro en febreiro; a nómina e a paga extra de marzo, no mes de maio logo de moitas mobilizacións convocadas pola CIG e de numerosas xestións diante da xerencia do CHUS e a día de hoxe, aínda no fixo efectivo o pago do salario do mes de maio.
Aínda máis, a CIG tamén presentou unha denuncia diante da Inspección de Traballo, con data de 26 de decembro de 2007, contra Daniel Rego, xerente de Viproga, por agredir a un traballador no hospital de Conxo. A propia Inspección de Traballo certifica a existencia dunha infracción do artigo 4.2 do estatuto dos Traballadores, no que se fai referencia ao dereito dos traballadores á súa integridade física, e resolve cunha acta de infracción e sanción contra a empresa.
Ante isto, Rubido cuestiona a credibilidade dada ao empresario no medio de comunicación referido, á vista dos seus comportamentos. Alén diso, o secretario nacional da federación de Servizos subliña que “nos chama poderosamente a atención que o Partido Popular se permita dicir que a nova adxudicataria do servizo de seguridade é unha empresa do entorno do BNG. Desde a CIG non o sabemos, o que si sabemos é que Daniel Rego foi e é o cabeza de lista do Partido Popular no concello de Camariñas, portavoz municipal nos últimos 8 anos e membro do comité de dirección provincial do PP actualmente. É incríbel que o PP que antes gobernaba e, polo tanto, xestionaba a consellaría de Cultura saia agora a acusar ao BNG de darlle a unha empresa que lle din ‘afín’ a xestión dun servizo cando eles llo deron a un militante de carné, cargo público da organización, cargo interno da organización e que ademais exerce de portavoz desa organización. Asombroso”.
Mobilización en demanda do pago dos salarios do traballadores de Viproga no CHUS
A CIG ten convocada unha concentración diante do Hospital Clínico, en Santiago de Compostela, o próximo venres, ás 12:00 horas, para protestar contra Viproga por non paga aos traballadores que, a pesar da súa situación seguen a realizar o seu traballo. Rubido lembra que esta é a consecuencia de non incluír a xerencia do CHUS, nas plicas, o cumprimento do artigo 74. De telo incluído, hoxe Viproga tampouco tería esa concesión e os traballadores estarían cobrando.