A CIG acusa ademais á Xunta de Galiza de ocultar información, ao non facer públicos os informes elaborados pola Universidade de Oviedo, ou de manifesta irresponsabilidade por querer iniciar as obras na mina de Serrabal sen coñecer as consecuencias ‘reais’ que terán para o desenvolvemento económico e social de Galiza e para os postos de traballo presentes e futuros na propia mina e en Ferroatlántica.
Anxo Noceda, secretario comarcal da CIG de Compostela considera que a entrada en Serrabal é unha actuación que deixa entrever unha perfecta operación de imaxe por parte do Presidente da Xunta de Galiza. “Imaxe da que estaba moi necesitado logo de que nos días inmediatamente anteriores se cuestionaran as datas previstas para o remate das obras e a súa propia palabra”. Unha idea que queda reforzada, segundo Noceda porque “casualmente esta operación se completaba tamén co anuncio, o mesmo día e a bombo e platillo, do remate da plataforma do tramo do AVE no viaduto do Eixo”.
A isto, o secretario comarcal da CIG de Compostela engade que tamén resulta rechamante que “curiosamente, a orde xudicial que avalaba a entrada dos técnicos na mina non fora comunicada aínda á empresa pero xa saía publicada nun medio de comunicación, que tivo acceso á información antes que os propios implicados”.
Deste xeito, Touriño “xa ten a foto e só a foto” dado que na práctica, e como se pode deducir do número de traballadores que este mércores se atopaban nos terreos da mina, as obras en Serrabal aínda non comezaron.
Para Noceda a clave está en que deste xeito Touriño, no consello da Xunta deste xoves, con esa foto, poderá seguir a insistir no prazo do 2012, “prazo que xa ninguén, a estas alturas, cre tal e como mesmo veñen acreditando en diferentes medios de comunicación diversos técnicos e tal e como se recolle na propia páxina do Ministerio de Fomento” sostén Noceda.
Tres anos de atraso para rebaixar a indemnización sen analizar sequera o cambio de trazado
Noceda chama a atención sobre o feito de que desde a propia administracións central en connivencia coa Xunta de Galiza, e tal e como se recolleu nalgúns medios de comunicación, se asumira un atraso, a mantenta, de tres anos na execución das obras, co obxectivo de rebaixar a indemnización que lle correspondería ao titular da concesión da explotación mineira. “Cómpre preguntarse, xa que logo, por que non se empregaron eses máis de tres anos para elaborar un novo trazado, co cal non habería lugar a ningunha indemnización. Aínda máis, de terse modificado o trazado a estas datas non se estaría tomando posesión duns terreos senón que mesmo levaría máis de un ano en construción” afirma Noceda.
Por iso, desde a CIG acúsase ao Ministerio de Fomento e á Xunta de Galiza de atrasar a propósito as obras do TAV e ao tempo, estar de brazos cruzados durante ese máis de tres anos, sen sequera valorar a posibilidade dun trazado alternativo.
A CIG tamén acusa a estas dúas administracións de ter utilizado as mobilizacións dos traballadores como xustificación a un atraso do que só eles son responsábeis. E todo isto, sen atender nin no máis mínimo ás demandas de garantía de postos de traballo, viabilidade da explotación mineira e das plantas de Ferroatlántica de Cee e Sabón así como tirando por terra o importante proxecto que se podería desenvolver, relacionado coa industria fotovoltaica, de poder extraer o silicio solar que quedará soterrado baixo o trazado do Tren de Alta velocidade. “Un proxecto de desenvolvemento industrial que a aqueles a quen nos preocupa o desenvolvemento económico e social do país non dubidamos en situar tamén na categoría ‘de interese xeral’” afirma Anxo Noceda.
Ocultación de información?
Así mesmo a CIG acusa á Xunta de Galiza ou ben de ocultación de información oficial referente ao actual trazado do Tren de Alta velocidade, ou ben de estar actuando cunha manifesta irresponsabilidade por estar executando as obras sen coñecemento de dita información. Noceda refírese aos catro famosos informes -famosos por todo o que se falou deles- que ninguén coñece pero que existen.
A CIG lembra que a través do seu Gabinete Xurídico e conforme á Lei 27/2006 de acceso á información ambiental solicitou estes catro informes, elaborados por Daniel Arias Prieto, ao propio ADIF. O interese destes estudios vén dado porque permitirían determinar o valor económico, ambiental e canto a recursos mineiros de Serrabal. Porén, o ADIF denegou o acceso aducindo que non teñen información ambiental, só económica.
Desde o gabinete xurídico da CIG xa explicaban, no seu momento, que esta resposta é unha escusa, polo que a CIG presentou un recurso baseado en que manter que non se trata de información ambiental é contrario aos intereses da Conferencia Interministerial da UE, celebrada en Aarhus, Dinamarca, o 25 de xuño de 1998, onde se determinou que dentro do concepto de información ambiental están as análises de custos e beneficios e outras análises e hipóteses económicas utilizadas na toma de decisión en materia ambiental.
Para Noceda máis grave é que se estea a incumprir a resolución do 27 de xuño de 2007 do Parlamento de Galiza. Unha resolución que contou co apoio de todos os grupos parlamentarios e que, entre outras cuestións obrigaba a reunir toda a información existente sobre este trazado. “No dosier entregado aos traballadores non consta ningún dos catro informes referidos. É máis, segundo manifestaron os propios grupos ninguén no Parlamento de Galiza coñece o seu contido”, o que reforza aínda máis a teoría da irresponsabilidade nesta actuación.
Touriño mentiu aos traballadores
A CIG acusa tamén, ao propio Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, de mentir tanto aos traballadores como aos representantes sindicais. Transcorrido un ano desde a súa solicitude, Touriño concedía aos traballadores e os representantes sindicais, en abril de 2007, unha entrevista na que se comprometía a estudiar a posibilidade de modificar o trazado do TAV e na que aseguraba que demandaría do Ministerio de Fomento un informe no que se avaliara o posíbel atraso derivado deste cambio.
“Daquela mediu que unha xuntanza cos traballadores era rendíbel en votos xusto antes das eleccións municipais e, desta volta, fai a operación de imaxe de cara ao vindeiro proceso de eleccións autonómicas considerando que lle favorece máis aparecer como un xestor eficaz en materia de infraestruturas e que, ademais, o PSOE cumpre cos prazos comprometidos”.
Diante disto, a CIG exixe á Xunta de Galiza e ao seu presidente que expliquen publicamente por que se deixaron pasar tres anos sen avaliar a posibilidade dun cambio de trazado, que expliquen a que intereses están a responder, que expliquen por que se está a ocultar información ou ben a actuar de maneira irresponsábel por carecer dela e por que se intentou manipular á opinión pública tratando de presentar aos traballadores como defensores dos intereses do empresario cando o que estaban era a defender os seus propios intereses. “Non será que quen está a responder a non se sabe que ocultos intereses quer económicos quer empresariais é o propio presidente da Xunta”, sentenza Noceda.
A CIG exixe tamén a remisión ao Parlamento de Galiza de toda a información que se está a agochar, de forma que se dea cumprimento á resolución unánime do 27 de xuño de 2007. Neste sentido, demanda respecto para o propio Parlamento de Galiza, para que se cumpran as súas propias resolucións. Do contrario caberá cuestionar se esta institución fai o mesmo que aconteceu con esta resolución con todas as que aproba. “Por suposto continuamos a exixir un cambio de trazado que permita o desenvolvemento económico do país así como unha garantía ‘real’ de mantemento dos postos de traballo presentes e futuros”.