marco
Compostela, 10/7/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Aseguran que é igual ou peor que cando se produciu o accidente en setembro de 2007

A federación de Construción denuncia a situación na que se atopan os traballadores do AVE no tramo do Carballiño

A federación de Construción denuncia que a situación dos traballadores das obras do Tren de Alta Velocidade no tramo onde se produciu o accidente en setembro de 2007, é a mesma, ou se cabe peor que daquela. Aseguran que nestes momentos están a traballar en quendas de 12 horas continuadas e no momento de facer os empurres nos tramos do viaduto, as xornadas prorróganse moito máis.

As xornadas en sábados e mesmo en domingos son habituais chegando mesmo a burlar as visitas da Inspección de Traballo nas fins de semana, cortando os accesos da obra e accedendo os traballadores e o material ás agachadas.

Desde a federación de Construción alertan de posíbeis accidentes por mor dalgún fallo debido ao cansancio acumulado e pregúntanse se se responsabilizaría aos traballadores, de ocorrer, cando a única responsabilidade é da admnistración.

Demanda, xa que logo, “unha solución urxente para evitar males maiores” e lembran que tras varias xuntanzas coa Directora Xeral de Relacións Laborais, Pilar Cancela, na consellaría de Traballo, acordarase crear unha Mesa de Seguimento das obras públicas. Mesa na que terían que participar, ademais da Administración, as Empresas e as Federacións de Construción das organizacións sindicais. Salientan que nesa mesa poderíase ir aportando información fundamental, como partes de traballo de até 20 horas asinados por encargados da UTE.

O máis grave, segundo denuncian é que os traballadores deste tramo da obra son coaccionados e presionados constantemente para facer estas longas xornadas e que algúns deles están a estas alturas, bastante afectados na súa saúde.