marco
A Coruña, 10/7/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Solidariedade internacionalista

CIG – Químicas apoia o Gran Paro Nacional convocado no Perú o 9 de xullo

A CIG-Químicas e Enerxía amosou o seu apoio ao Gran Paro Nacional convocado o 9 de xullo en Perú pola CGTP e a Coordinadora Político Social en contra das políticas neoliberais e represivas emprendidas polo Goberno de Alan García. A CIG-Químicas remitiu a súa mensaxe solidaria ás organizacións convocantes da folga e á Federación Sindical Mundial. Tamén lle trasladou a misiva ao propio Goberno peruano.

A Federación de Químicas da Confederación Intersindical Galega (CIG) diríxese á comunidade internacional para informar e reafirmar a nosa plena solidariedade de clase cos nosos compañeiros da Confederación Gereral de Trabajadores del Perú (CGTP) e da Coordinadora Político Social que, conxuntamente con importantes organizacións sociais e populares, desenvolveron o Gran Paro (folga) Nacional Cívico Popular do 9 de Xullo.

O goberno do Perú, presidido por Alan García Pérez, non cumpriu a súa promesa electoral, enganou os traballadores e traballadoras, tamén o pobo peruano, non solucionou as principais demandas dos traballadores nin das organizacións rexionais do Perú, segue aplicando as políticas neoliberais. A situación dos traballadores deteriorouse, o crecemento económico non beneficia aos empobrecidos, o goberno desatou unha sucia campaña de desprestixio contra o movemento sindical e popular, a CGTP expresou que o goberno do Sr. García só goberna para as transnacionais. Polo tanto o Paro Nacional Cívico Popular foi para esixir ao goberno:

- Cambio da súa política económica neoliberal

- Solución ás demandas da Plataforma de Loita do Paro Nacional e demais reclamacións de traballadores e traballadoras, tamén das organizacións sociais das rexións e Frontes de Defensa.

- Aprobación da Lei Xeral do Traballo que favoreza aos traballadores e ás traballadoras.

-Rexeitamento da TERCERIZACIÓN E DA PRECARIZACIÓN, o 70% de traballadores e traballadoras están en situación de sobre explotación, sen dereitos sociais, nin sequera a sindicalizarse.

- Aumento de Salarios e restitución do Dereito á Negociación Colectiva.

- Non máis criminalización das protestas; as forzas represivas co amparo do goberno asasinan aos traballadores e traballadoras que protestan.

- Non máis privatizacións.

- Solución ás demandas das federacións nacionais e rexionais de traballadores e traballadoras do sector privado e estatal e do sector agrario.

En consecuencia a Federación de Químicas da Confederación Intersindical Galega (CIG) demanda ao Goberno do Perú que atenda e solucione as esixencias expostas na Plataforma de Loita presentada pola CGTP e pola Coordinadora Político Social e demais organizacións sociais e populares das rexións do Perú.

A Coruña, 10 de Xullo de 2008.

- Abelardo Landeira.

Secretario Nacional da Federación de Químicas Enerxía, (organización afiliada da UISTE-FSM).

Confederación Intersindical Galega.