marco
Compostela, 10/7/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

En febreiro deste ano, os traballadores e traballadoras da mina de Serrabal e das plantas de Ferroatlántica en Cee-Dumbría e Sabón convocaban unha manifestación que culminaba cunha concentración en San Caetano. Diante das dependencias da Xunta de Galiza instalaron unhas tendas de campaña nas que permaneceron durante a campaña electoral, en demanda do cambio de trazado da liña do Tren de Alta Velocidade e en defensa dos máis de 600 postos de traballo directos actualmente existentes tanto na mina como nas industrias dela dependentes. O Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño ignorou a súa presenza e non intentou, sequera falar con eles. Meses antes comprometérase a estudiar a posibilidade de modificar o trazado. A esas alturas seguían sen resposta.

Ten outra explotación de cuarzo á outra beira do río Ulla, fronte á mina

CIG- Químicas cre que mantendo o trazado do TAV por Serrabal o goberno favorece os intereses dunha mineira norueguesa

A federación de Químicas da CIG vén de remitir un comunicado no que acusa á Xunta de Galiza de non dicir a verdade ao asegurar que un cambio de trazado do TAV ao seu paso por Serrabal provocaría un atraso adicional das obras. Abelardo Landeira, secretario nacional da federación considera que detrás da negativa a sequera valoralo agóchanse outro interes. Reproducimos, a continuación, o comunicado.

O Goberno Galego non di a verdade, o Presidente da Xunta de Galiza alega que un troco no trazado do Tren de Alta Velocidade ao seu paso pola mina de Serrabal levaría aparellado un atraso adicional das obras.

O Sr. Touriño e os técnicos son sabedores que os atrasos orixinados en Ourense, Compostela, Lubián - Ourense permitirían perfectamente o troco do trazado na mina e remataríanse antes as obras ao paso por Serrabal que os devanditos retrasos.

E nós, dende a CIG, preguntámonos: E se houbera algo máis? Quen podería saír beneficiado do paso do camiño de ferro pola mina, xa que o ben común non ficaría afectado….?

Na ourela oposta do río Ulla, na provincia de Pontevedra, existe outra concesión mineira que tamén explota mineral de cuarzo. O troco de trazado solicitado en Serrabal provocaría que o TAV anexaría máis terreos da outra concesión mineira. Na reunión de técnicos mantida en Xuño de 2007, o coñecidísimo Daniel Arias (técnico que realizou mil e unha valoracións da mina de Serrabal, das que se descoñecen as primeiras), xa deu a entender que a variación do trazado afectaría á outra concesión mineira (imos pensar que non lles gustaría entrar en novas valoracións de afección, e que non ocultan outras razóns). O tema, para coñecelo en profundidade, é necesario analizalo desde dous puntos de vista:

1. Punto de vista da explotación; a zona á que afectaría á outra concesión, de realizarse o troco no trazado, nunca podería ser explotada, xa que fica á ourela do río Ulla. Na parte máis alta fica o miradoiro do Ulla, lugar emblemático e de beleza incomparábel (é como se alguén propuxera a explotación do Pico Sacro).

2. Punto de vista dos explotadores; resulta que a outra concesión é explotada por unha filial dun grupo de Noruega, principal competencia de Ferroatlántica. A este grupo noruego é ao que RAMSA ten que proporcionar 50.000 t/ano do mellor cuarzo (xa que o xacemento que eles explotan é moito máis pobre en calidade). A filial dos noruegos crea emprego na Galiza, é certo, pero non coa magnitude que o fan Ferroatlántica e RAMSA, xa que o groso do emprego fica en Noruega (os fornos fican nese país). Os postos de traballo xerados por RAMSA e Ferroatlántica son 1.500, mentres que a filial norueguesa xera arredor de 20 na mina, e dicir no país.

Fica claro, que a explotación da filial noreguesa non se vería afectada polo troco no trazado, xa que o camiño de ferro pasaría por unha zona que non podería ser explotada. Nós sabemos que o grupo de Noruega, mediante a filial, ofreceuse á Xunta de Galiza para retomar a explotación de Serrabal, no caso de non ser renovada a concesión a RAMSA danlle un golpe moi duro ao seu principal competidor, e se lle renovan, réstanlle credibilidade ao demandado polos traballadores e por RAMSA (troco do trazado), xa que existen empresas dispostas a continuar a explotación. Engadir, que os noruegueses levan anos interesándose polos contidos en boro e fósforo do mellor cuarzo de Serrabal ( son as impurezas máis importantes para a fabricación do silicio solar….)

Co mantemento do actual trazado, prexudícase grandemente os intereses dos traballadores e do emprego na Galiza.

10 de Xullo de 2007

Abelardo Landeira

Secretario Nacional da Federación de Químicas Enerxía, Minería (organización afiliada da UISTE-FSM)

Confederación Intersindical Galega