O mandato da asemblea que mantiveron os traballadores e traballadoras da Ipisa fixaba que este 10 de setembro sería entregada na Inspección de Traballo e en Industria unha denuncia. Así aconteceu, e nestas denuncias, relatase cal é a situación na que está a traballar este persoal.
Así, por exemplo, explica nesta denuncia como os vestiarios non gardan en absoluto as normas mínimas de hixiene, ou como a empresa non fai entrega de roupa de traballa algunha, en canto a fundas e botas de seguridade.
Sen equipos de protección
Tampouco fan entrega dos equipos necesarios para a protección das extremidades, vías respiratorias, sistema auditivo, ollos e corpo.
Outro dos feitos que aparecen nesta denuncia é que os coches da empresa nos que se efectúan os desprazamentos diarios do persoal aos centros de traballo están nunhas condicións totalmente inapropiadas para o uso que se lle da, poñendo en perigo a vida e integridade física dos traballadores e traballadoras que se desprazan diariamente.
O 22 de xullo os traballadores presentaron un escrito, que era unha proposta de actuacións a realizar nas instalacións de empresa no periodo vacacional, para solucionar estes problemas, pero as súas demandas unha vez máis non foron escoitadas.
Impago de salarios
En canto ás relacións laborais que se viven dentro de Ipisa, nestas denuncias os traballadores relatan que a empresa non entrega puntualmente ao traballador o recibo de salarios, acumulando os de varios meses. É prática habitual o impago de salarios e o retraso reiterado no pagamento. Na actualidade a débeda salarial ascende a tres mensualidades.
Convocatoria de folga
Por este impago reiterado de salarios, téñense convocado diversas mobilizacións e mesmo xornadas de folga, tendo prevista realizar un paro o 16 de setembro.
Os traballadores/as aclaran nestas denuncias que tentaron solucionar este conflito no ámbito interno da empresa, "pero a arrogancia da empresa que non aceitou de bo grao que os traballadores tivesemos representación sindical democraticamente elixida fai imposíbel unha solución pola vía interna".
Así, solicitan que se establezan as sancións fixadas por lei para este tipo de irregularidades, asi como unha visita dos técnicos da Inspección de Traballo a estas instalacións para poder amosar o que alí está a acontecer.