marco
Vigo, 11/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Participará o secretario xeral da CIG, Suso Seixo

A manifestación central contra a crise sairá ás 20:00 horas da Vía Norte de Vigo

O luns 10 de novembro tivo lugar a rolda de prensa de presentación da mobilización convocada pola CIG para o próximo 13 de novembro "Por un novo modelo económico e social" e para que "A crise a pague o capital", na comarca de Vigo. Asi, informouse de que esta será a manifestación central da organización sindical nacionalista, que contará coa presenza do secretario xeral da CIG, Suso Seixo. Esta marcha sairá ás oito da tarde de Vía Norte e rematará o seu percorrido na Porta do Sol.
Placer Vila, secretaria de Organización da CIG de Vigo, Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo, e Roxelio Veiga, da Executiva Comarcal da CIG-Metal.

Xerardo Abraldes comezou esta rolda de prensa contextualizando o momento actual de crise económica: "chegamos a esta situación despois de dúas décadas de capitalismo salvaxe, e é que fronte á economía real, o que se fixo foi cambiar os cartos de man no lugar de producir bens, polo que se criaron burbullas financeiras, que foron explotando unha detrás doutra".

O secretario comarcal da CIG de Vigo subliñou que "o que comezou sendo unha crise exclusivamente financeira agora é xa unha crise de modelo e levando ao colapso do mercaso".

Consecuencias da crise na comarca

Abraldes explicou que na comarca de Vigo esta situación de crise "se trasladou en primeiro lugar á construción, e logo ás auxiliares destas empresas de construción, e agora xa chegou ao sector industrial máis importante desta comarca que é a automoción". Tamén destacou que hai varias empresas na ría de Vigo que se dedican á construción naval de embaracacións deportivas e de luxo, que tamén se enfrontan a serios problemas económicos.

Paralalemante a esta situación, Abraldes incidiu na aparición da sombra das deslocalizacións "que levou ao peche de Draka Cables, e que ameaza seriamente o futuro das fábricas de Prevent e Tréves, factorías do téxtil do sector da automoción".

"As empresas lanzáronse a tirar da sua bolsa de horas ou a demandar ERE's" sinala Abraldes, quen asegurou que na actualidade nesta comarca hai máis de 25 ERE's que están a ser tratados nas empresas, na súa fase previa de negociación, nomeadamente danse na industria da automoción".

Críticas ás medidas das Administracións

Abraldes criticou as medidas que se están a tomar desde as Administracións "porque chegaron tarde e están a ser en gran medida axudas ao capital financeiro ou subvencións ás empresas".

A CIG propón para combater esta crise que se penalice a contartación precaria, o aumento dos salarios, unha campaña de vivenda social, reforzar as redes de benestar social e servizos públicos, medidas fiscais que fagan real a máxima de que pague máis quen máis gañe, e sobre o IVE, que se graven os artigos de luxo e desgravar os de primeira necesidade. Ademais a CIG aposta pola creación dun sector bancario público potente e realiza tamén unha aposta decidida polos sectores produtivos galegos.

"Manifestámonos contra a crise e polas nosas medidas"

O secretario comarcal da CIG de Vigo realizou un chamamento para unha participación masiva nesta mobilización "porque nos imos manifestar contra estas medidas e a prol das nosas propostas, porque é preciso un cambio de modelo e temos que presionar nese sentido"

Asi, Abraldes convidou "a toda á sociedade a asistir, porque é un problema social, e non só unha cuestión sindical ou da clase traballadora".