Paulo Carril, secretario comarcal da CIG, asegurou que a bisbarra coruñesa segue a perder peso industrial en favor do sector Servizos, caracterizado pola precariedade nos empregos, tal como están a evidenciar os traballadores do Comercio vario no conflito que os enfronta coa patronal pola negociación do convenio colectivo.
Carril reprochoulles á Xunta e ao Goberno do Estado a falta de vontade política para preservar o emprego na Coruña e na súa área de influencia. Citou os casos de Martinsa-Fadesa e o máis recente de Atento, onde a compañía comunicou a semana pasada o traslado de 27 empregados a León e anunciou que en decembro ha despedir 150 traballadores do servizo do 11822. A xuízo do responsábel comarcal da CIG, no caso de Atento están a prevalecer os compromisos electorais do PSOE en León fronte ao mantemento dos postos na Coruña.
“Correa-Kessler” e a EDAR de Bens
Paulo Carril censurou a Consellaría de Pesca e a Autoridade Portuaria da Coruña por terlle outorgado subvencións ao grupo Correa-Kessler para sufragar os investimentos realizados nunha planta de procesado de peixe no porto da cidade. Elcesa, outra firma do grupo Correa-Kessler, atópase agora mesmo nun proceso de concurso de acredores no Xulgado do Mercantil da Coruña. En menos dun ano, perdéronse 40 postos en Elcesa. Por tanto, a Xunta premia un grupo que destrúe emprego.
De igual maneira, o secretario comarcal da CIG informou que arredor de 30 obreiros que traballan na construción da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Bens foron despedidos días atrás. Estes despedimentos, unidos aos de oito operarios da UTE-Langosteira, cuestionan as declaracións de Pérez Touriño a respecto de que as obras públicas poden servir como motor da economía.