marco
A Coruña, 11/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Nos accesos a Punta Langosteira rexistráronse retencións kilométricas.
CIG e comité esixen a readmisión dos operarios

Obreiros da UTE-Langosteira bloquean os accesos ao porto exterior en protesta por oito despedimentos

Integrantes do comité de empresa da UTE-Langosteira (encargada da construción do porto exterior da Coruña) e membros da CIG cortaron, desde as 07:00 até as 09:30 horas do 11 de novembro, os accesos ás obras da nova dársena e retrasaron a incorporación da quenda da mañá hora e media, en protesta polo despedimento de oito obreiros.

Os despedimentos foron comunicados a semana pasada e hanse facer efectivos o próximo 17 de novembro. A CIG, que conta con oito dos nove membros do comité, considera inadmisíbel esta decisión empresarial, polo que pide a readmisión dos compañeiros.

A UTE-Langosteira, pola súa banda, alega que os despedimentos destes obreiros, que traballaban na zona de recheo, se deben á “finalización de campaña”. Porén, a CIG ten constancia de que segue a haber novas contratacións de persoal. Por tanto, o comité e a CIG reclámanlle á UTE que estes oito empregados sexan recolocados noutras zonas das obras.

Co presente acto de protesta, os representantes dos traballadores e a CIG iniciaron unha campaña de medidas de presión para demandar a readmisión destes oito compañeiros. Ademais, a central nacionalista esíxelles á Autoridade Portuaria e ao Concello de Arteixo (onde están situadas as obras) que medien no conflito.