Para a CIG-Ensino, o máis estraño e sorprendente é que, malia estar ditaminado polo Consello Escolar de Galiza, desde o día 3 de outubro de 2007 (hai 8 meses), posteriormente polo Consello Consultivo e, segundo recoñeceu a propia Consellaría de Educación, estar enviado ao Consello da Xunta, continúa sen ser aprobado.
Unha vez máis, estamos ante unha actuación totalmente inexplicábel e de desconsideración tanto co profesorado como co alumnado, pois, este retraso, inexplicábel, supón que a edición do material escolar e a planificación do próximo curso ou se basea no actual currículo ou se terá que facer sen o tempo suficiente por unha actuación totalmente irresponsábel da Administración.
A esta altura cabe sospeitar que será o Sr. Touriño o responsábel de que este Decreto continúa sen aprobarse no Consello da Xunta, unha vez que o proxecto de Decreto xa ten pasado todos os trámites e informes dependentes da Consellaría.
A CIG-Ensino quere coñecer cales son as razóns da súa paralización e exixe a inmediata aprobación e publicación do Decreto para poder organizar e planificar o próximo curso escolar ao abeiro da nova normativa que estabelece o currículo de ordenación de toda a etapa de Infantil en Galiza.