Esta situación hai meses que foi posta en coñecemento do Concello de A Coruña, sen que nada se fixese para amañar este problema. Tampouco serviu o compromiso por escrito da concelleira de Urbanismo, Mar Barcón, para atopar unha solución.
Entrementres, medra o malestar dos pais e nais do alumnado da Escola Infantil. En novembro do ano pasado, unha medición realizada na saída do sistema de ventilación do Gadis rexistrou 33 graos centígrados. Esta temperatura elévase aínda máis na temporada estival, pois a escola mantén a súa actividade nos meses do verán.
CIG-Ensino amosa o seu apoio total ás demandas lexítimas dos pais e nais do alumnado da Escola Infantil Municipal de Montealto, cuxos fillos están expostos a correntes de aire, temperaturas altas e demais aspectos insalubres derivados do sistema de ventilación do Gadis.
Policía identifica persoas que participan nunha protesta de pais e nais
Dous axentes da policía española identificaron persoas que participaron na protesta de pais e nais do centro realizada o 11 de xullo. “Trátase dunha actuación arbitraria e dun abuso claro de autoridade pois a protesta se desenvolveu nunha praza pública peonil e non se perturbou o tránsito de viandantes”, explica ao respecto Eduardo Álvarez, secretario comarcal da CIG-Ensino. “Ademais, este tipo de actos non é preceptivo comunicalos á Autoridade pois non se trata nin dunha manifestación nin tampouco dunha concentración, porque na protesta participaron menos de 20 persoas”, prosegue.
“A actuación policial só se entende como un atentado contra a liberdade de expresión”, considera Álvarez. O responsábel da CIG-Ensino coruñesa tamén lles reprocha aos policías que ignorasen as causas que orixinaron as protestas dos pais e nais.