A Consellaría de Presidencia quere amortizar 42 postos de traballo (15 deles correspondentes a persoal laboral na provincia da Coruña) en favor de empresas privadas. Con esta proposta, a Xunta incumpre o pacto que acadara cos sindicatos sobre consolidación de emprego, ao amortizar prazas suxeitas a consolidación (sete delas de persoal laboral na provincia coruñesa) e ao contratar, máis unha vez, servizos externos.
Na bisbarra de Ferrol, a Consellaría de Presidencia quere eliminar seis prazas de limpadoras no edificio de Xulgados, pese a que algunhas destas traballadoras leva vinte anos no posto. A semana pasada comezou a prestar servizo neses Xulgados unha empresa privada de limpeza, a pesar de que as empregadas da Xunta seguen aínda traballando no edificio. Dáse o paradoxo de que as operarias da empresa privada están a “limpar sobre limpo”. Neste caso, Presidencia tampouco contempla a subrogación destas limpadoras da Xunta á compañía privada que opera nos Xulgados de Ferrol, pese a ser un dereito que, por lei, lles asiste a estas empregadas públicas.
O Comité de Empresa entende que, con esta clase de políticas, seguirán a entrar na Administración da Xunta persoas contratadas por empresas e non a través dun sistema libre e regulado onde se respecte a igualdade, o mérito e a capacidade como di o ordenamento xurídico en vigor.
No decurso deste ano, a Administración elaborou e publicou a Oferta de Emprego Público (O.E.P.) de 2008 onde se facía unha oferta de consolidación de postos de traballo. A proposta de amortización realizada por Presidencia vulnera de forma clara e flagrante dita O.E.P., nomeadamente no caso das sete prazas de persoal laboral anteriormente mencionadas.
Non é comprensíbel, desde un punto de vista cabal, a actitude mostrada por Presidencia e, menos aínda, a súa cerrazón en todo o proceso de negociación da Relación de Postos de Traballo da Consellaría na provincia da Coruña.