marco
Compostela, 12/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: Monsanto : : SLG : : transxenicos :
Denuncian que estes produtos, da multinacional Monsanto, constitúen un perigo para a saúde animal e humana

O SLG alerta da autorización para comercializar tres variedades de millo transxénicas

O SLG alertou da inclusión de diversas variedades vexetais modificadas xeneticamente pola multinacional Monsanto dentro do Rexistro de Variedades Comerciais permitidas no Estado español. Dende o Sindicato Labrego Galego reiteran a denuncia da perigosidade que os alimentos modificados constitúen para a saúde tanto animal como humana, xa que a propia comunidade científica non mantén un posicionamento unánime, co que debería primar o principio de precaución e a non autorización.
O SLG alerta da inclusión de tres variedades de millo modificadas xeneticamente no Rexistro de Variedades Comerciais permitidas no Estado español.

O BOE nº273 correspondente ao día 12 de novembro do 2008, especifica na Orde ARM/3236/2008, de 24 de octubre, a inclusión no Registro de Variedades Comerciales permitidas no Estado español de diversas variedades vexetais modificadas xeneticamente pola polémica multinacional Monsanto.

Trátase das variedades de millo transxénico 20070076 Consuelo YG (OGM-MON810), 0050332 EC6303EZA1 (OGM-MON810) e a inscrición provisional 20070175 PR32D80 (OGM-MON810).

Dende o Sindicato Labrego Galego reitérase a denuncia da perigosidade que os alimentos modificados xeneticamente constitúen para a saúde tanto animal como humana, xa que a propia comunidade científica non mantén un posicionamento unánime, co que debería primar por parte dos gobernos o principio de precaución e a non autorización.

Non nos atopamos xa perante da permisividade cos cultivos experimentais na Galiza, feito diante do cal a sociedade galega vén de se pronunciar contraria nestes mesmos días, senón que mediante a publicación desta orde outórgase o consentimento para a súa comercialización, permitindo polo tanto a sementeira de campos transxénicos no noso País.

Devandita permisividade é a materialización da grande ameaza que se cerne sobre Galiza, un territorio eminentemente rural, que conta con variedades autóctonas de millo, e cuxas plantacións sofrerían inevitabelmente a contaminación destes organismos alterados xeneticamente. A coexistencia é imposíbel.

Galiza, ceibe de transxénicos 

A menos dun mes de que no Parlamento galego se vaia a someter a debate unha moción para a declaración da Galiza como zona ceibe de transxénicos, o pronunciamento do MARMA constitúe, segundo sinalan dende o SLG, unha resposta “non casual”, que podería condicionar o proceso de discusión e aprobación da mesma.

O SLG reitera que o consentimento de comercialización de variedades transxénicas aprobado polo MARMA contraponse á sensibilidade social do pobo galego, constituíndo ademais un acto de irresponsabilidade perante do coidado da saúde pública, deixando a mercé das ganancias das multinacionais a saúde da humanidade.

Dende o Sindicato Labrego Galego, condenan esta "escandalosa supeditación lexislativa aos intereses económicos das multinacionais da alimentación".

A aprobación da sementeira e comercialización de millo transxénico constitúe un duro ataque contra a nosa biodiversidade, así como das expectativas para a consecución da soberanía alimentaria para Galiza, obxectivo presentado coma protagonista en recentes foros sociais (Marcha Mundial das Mulleres) e aspiración principal do Foro Social Galego que terá lugar no mes de decembro.