marco
Compostela, 12/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Manifestacións nas sete cidades e A Mariña entre as 19:30 e as 20:30 horas deste xoves día 13 de novembro

“Por un novo modelo económico e social, a crise que a pague o capital”

Con manifestacións simultáneas nas sete cidades de Galiza e A Mariña culmina a primeira etapa da campaña que a CIG puxo en marcha para denunciar aos responsábeis da actual situación de crise económica e as repercusións que terán, para a clase traballadora, as medidas adoptadas até o de agora polos distintos gobernos. Unha campaña na que se demanda que se poñan as bases para desenvolver un novo modelo socioeconómico e que se adopten medidas para que a crise a paguen os que a provocaron e non a maioría social.

A Mariña: Saída ás 19:30 da Praza Maior de Viveiro

A Coruña: Saída ás 20:00 da Praza da Palloza.

Ferrol: Saída ás 19:30 da Avenida de Esteiro, diante do sindicato.

Lugo: Saída ás 20:00 h da Ronda da Muralla, diante do sindicato.

Ourense: Saída, ás 20:00 h do pavillón dos Remedios.

Pontevedra: Saída ás 20:30 h da Praza da ferrería.

Santiago: Saída ás 20:00 h da Praza Roxa.

Vigo: Saída ás 20:00 da Vía Norte.

O capitalismo neoliberal e as organizacións políticas que fomentaron a súa implantación son, segundo explicou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, os principais responsábeis da actual situación de crise económica.

Por iso a CIG considera inadmisíbel que se estean a pór grandes cantidades de recursos públicos en mans dos mesmos que provocaron a crise para que sigan especulando na bolsa e que se favoreza aínda máis a concentración no sector bancario no canto de destinar eses cartos a reforzar e fomentar a economía produtiva. “É un atentado que debería estar tipificado como delito contra a clase traballadora”.

Nacionalización da banca

Fronte á decisión adoptada polo goberno español de desviar cartos públicos para soster ás entidades financeiras e reproducir o actual sistema, a CIG propón a nacionalización da banca, creando un Banco Público Galego que permitira canalizar os recursos públicos cara o sector produtivo e cara á protección das economías familiares.

Os orzamentos da Xunta

Para a CIG os orzamentos da Xunta son pouco ambiciosos e pouco expansivos e deberían ir a un déficit maior. A previsión é dun máximo do 1% do PIB e “habería que endebedarse máis para fomentar a economía produtiva e contrarrestar a falta de investimento privado facilitando o acceso ao crédito para a pequena e mediana empresa”.

Contrarreforma fiscal

A CIG aposta tamén por unha contrarreforma do sistema de fiscalización. Nos últimos anos derivouse cara un modelo de fiscalidade claramente regresivo, incrementando os impostos indirectos, que son os que pagamos todos independentemente dos ingresos, fronte aos directos.

 Vigo acolle a manifestación central, na que participará Suso Seixo

UNHA CRISE QUE XA ESTÁ AFECTANDO A ECONOMÍA REAL DE TODA GALIZA

Vigo será a cidade que acolla a manifestación central contra a crise, á que tamén acudirá Suso Seixo. O secretario Comarcal, Xerardo Abraldes, explica que na comarca de Vigo esta situación de crise "se trasladou en primeiro lugar á construción, e logo ás auxiliares destas empresas de construción, e agora xa chegou ao sector industrial máis importante desta comarca que é a automoción". Tamén destacou que hai varias empresas na ría de Vigo que se dedican á construción naval de embarcacións deportivas e de luxo, que tamén se enfrontan a serios problemas económicos. Paralelamente a esta situación, Abraldes incidiu na aparición da sombra das deslocalizacións "que levou ao peche de Draka Cables, e que ameaza seriamente o futuro das fábricas de Prevent e Tréves, factorías do téxtil do sector da automoción".

A Coruña segue a perder peso industrial

A bisbarra coruñesa segue a perder peso industrial en favor do sector Servizos. Paulo Carril reprochoulles á Xunta e ao Goberno do Estado a falta de vontade política para preservar o emprego na Coruña e na súa área de influencia. Citou os casos de Martinsa-Fadesa e o máis recente de Atento, conflito no que están a prevalecer os compromisos electorais do PSOE en León fronte ao mantemento dos postos na Coruña. Mentres, a Consellaría de Pesca e a Autoridade Portuaria dedícanse a subvencionar un grupo como Correa-Kessler, que botou 40 traballadores dunha das súas empresas, Elcesa, que agora se encontra en concurso de acredores. Ademais, arredor de 30 obreiros que traballan na construción da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Bens foron despedidos días atrás. Estes despedimentos, unidos aos de oito operarios da UTE-Langosteira, cuestionan as declaracións de Pérez Touriño a respecto de que as obras públicas poden servir como motor da economía.

Compostela, oposición ás medidas do Goberno

Para o secretario comarcal da CIG de Compostela, Anxo Noceda, coas mobilizacións quérese manifestar a oposición da central ás solucións que se están a pór en marcha desde o goberno de Zapatero, centradas fundamentalmente en desviar inxentes partidas económicas ás entidades financeiras, responsábeis da situación actual. “Iso terá graves consecuencias para a clase traballadora porque eses cartos, ademais de proceder das achegas –vía impostos- dos petos dos propios traballadores e traballadoras, teñen que detraerse dalgunha outra partida económica, e con seguridade non será das previstas para subvencionar ao sector empresarial”, matiza Noceda.

Ferrol incrementa os despedimentos dos maiores de 40 anos

O xoves ás 10 da mañá os delegados/as da comarca de Ferrol debaten a situación económica actual reunidos en asemblea. O Secretario Comarcal, Xosé López Pintos, sinalou que no último trimestre do ano se ten detectado un aumento considerable da xente que se dirixe á central cun despedimento por “causa obxectiva”. “As empresas están alegando a cuestión da crise como unha para proceder a despedir aos/as traballadores/as”, unha situación que afecta especialmente aos sectores da construción e os servizos.

Pintos explicou que se está a detectar tamén na comarca un aumento do número de despedidos/as maiores de 40 anos. “Detectamos que xente con máis de 20 anos de antigüidade, que nunca estivo no paro, agora se atopa na rúa. As empresas están aproveitando para despedir a xente a baixo custo porque saben que logo os goberno van incentivar á contratación.”

Pontevedra, a provincia con máis ERE’s

Rafael Iglesias animou aos traballadores/as da comarca de Pontevedra a asistir ás mobilizacións, xa que a crise está afectando especialmente a clase obreira desta zona. Iglesias lembrou a situación que están a padecer os/as compañeiros de empresas como Cedonosa, que ante o rexeitamento do ERE presentado vai iniciar agora o expediente para finalizar a sociedade de cerámicas, Monpasa ou Trevés afectados por expedientes de regulación de emprego.

Iglesias criticou as medidas tomadas polo goberno de Zapatero, que “inxectou cartos para que a banca facilitase liquidez á industria, pero nos atopamos con casos de empresas con carga de traballo, como pode ser o sector naval, pero ás que os bancos lles están pondo trabas para a concesión de prestamos, créditos, etc.”. A este respecto, o secretario da CIG de Pontevedra lembrou o caso dos mariñeiros da zona NAFO, pendentes da publicación de axudas. “Dáselle cartos á banca, pero a estes mariñeiros, que xa teñen aprobada unha subvención aínda non lles entregou nada”.

Lugo, cifras que non reflicten a realidade

Dende a comarca de Lugo sinálase que aínda que os datos de desemprego semellan inferiores ao do resto da Galiza, a realidade é ben distinta, e mesmo máis problemática que noutras comarcas. As características especiais, segundo aclara o secretario comarcal da CIG de Lugo, Xosé Ferreiro, provocan que unha matización das cifras que non se corresponde coa situación de crise que se está a padecer. “Hai que ter en conta que o 34,2% da poboación de Lugo está constituída por pensionistas que cobran 520 euros, ao que hai que sumar que máis da metade dos asalariados traballan en empresas de corte familiar, máis sensíbeis á crise”.

Outro punto a ter en conta é a conflitividade do sector da lousa no sur da provincia e que o 15% dos afiliados á Seguridade Social son do réxime agrario “polo que non aparecen en ningunha das estatísticas de paro que se manexan”, aclara Ferreiro.

Ourense contra a conxelación salarial

A baixa industrialización, a perda de postos de traballo e a inmigración marcan o contexto da comarca de Ourense, agudizado pola crise económica. “Sufrimos un aumento do número de ERE’s moi importante. Durante o 2008 presentáronse 16 expedientes de regulación, o que supón un incremento do 300% con respecto ao ano pasado”, apunta o secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco. Ao que se suman as ameazas de conxelación salarial anunciadas por Adolfo Domínguez ou Residencia Valdegodos.

A isto hai que engadir a preocupación pola situación do sector da construción e da automoción, “xa que se continúan os problemas en Citroen veranse afectadas varias empresas da comarca que até agora sorteaban o ERE con outras solucións”. Blanco tamén resaltou que 600 traballadores/as da comarca de Valdeorras se viron afectados nos últimos meses por expedientes de regulación de emprego.

A Mariña, dependencia de Alcoa

“O que máis tememos na comarca é a dependencia que existe dunha única multinacional: Alcoa, que é o motor económico da Mariña. Na última reunión que mantivemos cos representantes da empresa aseguraron que non ían recortar persoal, pero vemos con preocupación esta situación porque sabemos que está tomando medidas noutros lugares polos problemas que existen no mercado do aluminio”. Así expresa Xorxe Caldeiro a principal preocupación que existe a respecto dos efectos da crise económica na comarca da Mariña.

“Ao ser unha comarca con menor índice de industrialización os efectos tamén chegan máis tarde, por agora as empresas van capeando a situación desfacéndose dos traballadores eventuais, pero isto non se vai aguantar moito tempo. E moito nos tememos que a costa de xaneiro vai ser máis costa ca nunca”, asegura.