Segundo datos oficiais, o sector Téxtil ocupa en Galiza a 20.000 traballadoras (son mulleres maioritariamente). O 49% ten un contrato eventual e o 51% restante gozan de modalidades de contratación máis estábeis. Porén, unha importante porcentaxe son fixas-discontinuas. “Estes datos son dabondo significativos para saber como está un sector no que prima a eventualidade”, explica o secretario federal do sector do Téxtil da FGAMT-CIG, Luciano Villar González.
Pero alén da elevada eventualidade, o sector do Téxtil galego caracterízase ademais pola súa precariedade nas condicións de traballo. A inmensa maioría das traballadoras son da categoría máis baixa, auxiliar, aínda que teñan unha alta cualificación e anos de experiencia. Unha categoría que leva aparellados salarios de 720 euros, ou o que é o mesmo, o Salario Mínimo Intertéxtil.
Ademais superan xornadas de 40 horas semanais; en caso de accidente laboral non teñen recoñecido o dereito a percibir o 100% do salario, e moito menos se se trata dunha enfermidade común, e nin sequera vén garantidos os dereitos aos que poderían acceder de cumprirse nas empresas para as que desenvolven a súa actividade a tan famosa Lei de Igualdade.
Pero se as condicións laborais son precarias para as traballadoras das grandes marcas do sector, son aínda peores para as que traballan para as empresas auxiliares, onde a precariedade afecta en non poucos casos ao 100% dos cadros de persoal, con contratos nos que unicamente se especifica “campaña primavera-verán” ou “campaña outono-inverno”.
Perante esta situación, non é de estrañar que a súa prioridade sexa a de incluír medidas contra a precariedade no convenio colectivo.
“Levamos 10 anos nos que a negociación deste convenio se reduce a unha simple revisión das táboas salariais, en función do IPC previsto máis un 0,5, sen que se inclúa ningunha outra modificación”, afirma Dolores Martínez Castelo, secretaria comarcal de Téxtil de A Coruña, quen engade que “estamos ante un convenio de mínimos, porque só inclúe o salario base, dúas pagas extra e unha de beneficios e non inclúe plus algún, como adoita ocorrer noutros convenios de sector ou de empresa”.
Por iso, para tratar de mellorar as condicións sociolaborais e salariais, a táboa reivindicativa acordada na asemblea de delegadas inclúe, entre outros aspectos:
1. Salarios
Pasar o Salario Mínimo Intertéxtil, que na actualidade está en 720 euros, a 750 euros, para dignificar as condicións salariais da grande maioría, que son as traballadoras que teñen a categoría de auxiliar. Para o resto das categorías, un incremento do 5% cunha revisión do 3%, para que se garantan dous puntos de ganancia no poder adquisitivo.
2. Eventualidade
Para combater a eventualidade a CIG demandará a inclusión dunha cláusula pola que só o 30% do cadro de persoal poida ser eventual. Ademais defenderase encarecer o traballo eventual, pasando da indemnización actual de 12 días por ano, ao remate do contrato, a 24 días de salario por ano.
3. Categorías
Partindo de que a inmensa maioría das traballadoras en Galiza son auxiliares e que tal e como está actualmente o convenio non hai forma de ascender, a proposta da CIG será a de negociar porcentaxes mínimos de categorías nas empresas, a acordar coas patronais.
4. Xornada
Pasar da xornada actual de 1.818 horas anuais a 1.730, para evitar que, como ocorre na actualidade, se superen as 40 horas semanais.
5. Baixa laboral
En caso de baixa por accidente laboral ou por enfermidade común, demandarase o 100% do salario.
6. Conciliación
Incluír no convenio a posibilidade de acumular as horas de lactación en días de descanso e que en lugar de ser media hora de redución de xornada, esta sexa dunha hora.
7. Vacacións
Se estas coinciden estando a traballadora de baixa, que esta poida desfrutalas despois e non perdelas como está a ocorrer agora.
Convenio galego
Porén, malia ser estas cuestións fundamentais para dignificar as condicións laborais, tanto traballadoras como representantes da CIG coinciden en afirmar a necesidade de que se estabeleza un convenio de ámbito galego.
Villar González explica que en Galiza, ademais do convenio afectar a un número moi significativo de traballadoras (20.000), cínguese aos sectores de confección e de punto e medias, que ademais están agrupados en dúas asociacións patronais.
Porén, a nivel de Estado a negociación dificúltase porque o sector está dividido en infinidade de subsectores, desde alfombras, seda, algodón, carda ou fibras, até xénero de punto ou confección. Cada sector é unha patronal diferente e todas están representadas na mesa de negociación, co cal chegar a acordos complícase.
A estas especificidades do Téxtil en Galiza, hai que engadir o papel que veñen desenvolvendo os sindicatos estatais como avais da situación de precariedade que padecen as traballadoras. “Son responsábeis porque até o de agora veñen dando os parabéns a convenios destas características. Convenios que están moi lonxe de acadar un mínimo respectábel para seren asumido pola nosa central sindical”, afirma Martínez Castelo.
Por iso, o primeiro punto da plataforma será reivindicar o convenio galego, máis agora que a CIG pasou a representar o 30% no sector e que é a única central sindical que se negou a asinar, hai dous anos, o convenio vixente até o pasado 31 de decembro. Un convenio que grazas aos sindicatos asinantes garante que as empresas do sector sigan acumulando beneficios a costa da sobreexplotación de, nin máis nin menos que 20.000 traballadoras.