Estas mulleres levan moitos anos traballando para a empresa pero moi poucos días cotizados nos últimos ano: no que vai de ano só traballaron vinte días de media.
Ofreceron ao xerente varias solucións sobre a mesa sobre as que aínda non obtiveron resposta. As traballadoras cren que esta situación se debe ao desgoberno desta empresa, que traballa baixo pedido e sen stock, en base a unha idea de mantemento e non de expansión no mercado. Ademais a posibilidade de recualificar os terreos sobre os que se sitúa á fábrica, e a posibilidade de especulación cos mesmos pode ser outra das cuestións que se agochan neste caso.
Estas empregadas denuncian tamén que é imposíbel chegar a un acordo coa empresa, posto que non hai comunicación entre as partes desde hai case dúas semanas.
Concentración con moito ruído
Para continuar coas mobilizacións, que levan acompañando a estas mulleres desde hai 12 días, decidiron que o venres 9 de maio ás 17 da tarde irían até ás casas dos donos da empresa, para visibilizar e sinalizar aos culpábeis da súa situación. Berros, chifres e melodías para lembrar que nesa casa viven as persoas para as que moitas destas mulleres levan máis de vinte anos traballando, e que son responsábeis da situación de desamparo que atravesan as fixas discontínuas desta planta conserveira de Vilanova de Arousa
Folga o 15 e 16
Estas traballadoras continuarán con novas medidas de presión nesta semana, xa que está convocada unha folga para toda esta conserveira o xoves 15 e o venres 16 de maio.