O empregado despedido é o único na quenda de tarde. Polo tanto, o bo funcionamento da planta depende en grande medida de que o seu traballo o desenvolva correctamente e con garantías. "Analizando os bos resultados deste departamento, a capacidade do empregado está fora de toda dúbida", explica Xavier Santos, secretario da Unión Local da CIG de Cee. Ademais, a persoa despedida "non recibiu queixas polo seu comportamento nin pola relación co resto de compañeiros".
O empregado está a padecer nos últimos anos unha serie de problemas de saúde, motivados por alto un estrés laboral, nun posto de traballo cunha alta responsabilidade e cunha sobrecarga de traballo que non está xustificada en ningunha circunstancia. Na actualidade, a pesar de estar de baixa médica, foi despedido igualmente.
Acoso sistemático e represalias do encargado
A CIG de Cee ten coñecemento por parte dalgúns compañeiros do acoso ao que estaba sometido este traballador por parte do seu encargado, Leandro Fernández. As presións aumentaron desde o momento en que o empregado declarou a favor do presidente do comité de empresa no xuízo polo despedimento deste, que finalmente tivo que ser readmitido.
"Ao presidente e secretario do comité non podo botalos porque son delegados, pero os seguintes son os que foron declarar e os que os apoian. Calquera traballador que teña trato con eles considero que está na miña contra", manifestou o encargado. A dirección foi informada destas ameazas. "De non poñerlles freo, entendemos que autoriza este tipo de comportamentos do encargado", indica o responsábel da CIG en Cee.
Esta política laboral represiva, de acoso continuo nalgúns dos seus departamentos, cartas reiteradas de apercibimento aos traballadores ou o estrés laboral foron postos xa en coñecemento da Inspección de Traballo. Estas presións, ademais, atentan contra os propios códigos de conduta de responsabilidade social do grupo de empresas STOLT NIELSEN.
Expansión de Stolt Sea Farm na Costa da Morte
"Esta empresa pretende seguir medrando na Costa da Morte coa adquisición de terreos a baixo custe e percibindo importantes cantidades económicas das distintas administracións que serven para pagar os despedimentos dos traballadores/as máis antigos e veciños desta comarca e seguir a practicar unha política laboral tan vergoñenta", precisa Xavier Santos.
A CIG iniciou unha campaña de contactos e información coas distintas administracións e emprenderá diversas accións legais.