marco
A Coruña, 12/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: CIG : : ERE : : fgamt : : folga : : paros : : Telefónica :
Denuncian a perda de dereitos

Os traballadores de Telefónica secundan unha nova xornada de paros

Os empregados de Telefónica secundaron novamente o 12 de xuño paros de tres horas e media en cada unha das quendas de traballo para denunciar a intención da empresa de modificar as condicións salariais do cadro de persoal.

Os paros que veñen mantendo nos últimos xoves os traballadores de Telefónica de todo o Estado español están convocados pola CIG e os sindicatos AST, Co.bas, EC, ESK, ELA e LAB, aos que agora se suman outras forzas como CGT e algún Comité de Empresa Provincial como o de Madrid, onde está case un terzo do cadro de persoal de todo o Estado.

A pesar dos enormes beneficios que durante os últimos anos presenta a empresa, e das subas salariais que está aplicando nos directivos, Telefónica pretende rebaixar substancialmente as condicións laborais e o salario dos seus traballadores. A empresa mantén a súa insistencia en aplicar un novo modelo de clasificación profesional, na que dificilmente se podería ofrecer un servizo de calidade aos usuarios, e reformar a actual estrutura salarial rebaixando o salario base e anulando a antigüidade.

As demandas dos traballadores van dende a creación de emprego para resolver problemas ocasionados pola constante redución de persoal (neste último ERE case 14.000 traballadores) até a mellora das condicións laborais que permitan unha mellor atención aos usuarios, reducindo a carga de traballo e mellorando a cualificación profesional.