Berros como «Non aos despidos, máis inversións», «Por culpa do xerente está así a xente» ou «Catoira, unido, non quere ningún despido», foron seguidos polas persoas que participaron nesta nova mobilización, que como recollía o manifesto lido polo presidente do Comité de Empresa, da CIG, Ramón Conde, denunciaba "a grave situación pola que está a atravesar a nosa empresa, Cedonosa, ten culpábeis con nome e apelidos e están todos representados no Consello de Administración, a mala xestión económica e comercial, o despilfarro e as malas práticas, levounos o actual suspensión de pagos e a unha falta de liquidez que nestes intres é moi difícil de superar".
Propostas de viabilidade
A faixa de cabeceira desta nova mobilización portaba as demandas básicas desta marcha: "Pola continuidade da empresa en Catoira. Polo futuro industrial da factoría e polo mantemento dos postos de traballo". Os traballadores de Cedonosa confían no futuro e na viabilidade da empresa, e que poden saír desta situación. A proposta que realizan é reducir a débeda, facer uso do aval do Igape e tomar medidas para que se poña en marcha o terceiro forno, aumentando así a produción.
A continuación, anexamos integramente o manifesto lido ao final da mobilización.
Manifesto lido polo presidente do Comité de Empresa, da CIG, Ramón Conde
Compañeiros e compañeiras, traballadores e traballadoras de Cedonosa, veciños e veciñas, representantes de todas as entidades sociais, autoridades, representantes de partidos políticos, amigos e amigas, no nome da CIG, CCOO e UGT e do comité de empresa ao que represento, quero darvos as grazas por acudir a este acto.
Esta resposta, como a do 1º de maio, demostra a importancia que ten para todos nós esta empresa.
Polo seu futuro é polo que estamos a loitar desde hai máis de 5 meses os compañeiros e compañeiras que traballamos en Cedonosa, co desenrolo do noso traballo diario, con concentracións diante da propia fábrica, con manifestacións do conxunto do persoal por estas mesmas rúas, con entrevistas e encontros coas diferentes Consellarias, para demostrar que a empresa está viva, para defender os nosos intereses como traballadores, pero tamén os intereses dos acredores, e do futuro que até o de agora é incerto.
A grave situación pola que está a atravesar a nosa empresa, CEDONOSA, ten culpábeis con nome e apelidos e están todos representados no Consello de Administración, a mala xestión económica e comercial, o despilfarro e as malas práticas, levounos o actual suspensión de pagos e a unha falta de liquidez que nestes intres é moi difícil de superar.
Nos temos esperanzas de remontar esta situación e volver a colocar a CEDONOSA no seu sitio, con esta Dirección si están dispostos a tirar do carro ou con outra que teña vontade e gañas, xa que os traballadores e traballadoras non nos damos por vencidos e vamos loitar até o final.
O corte de subministro de enerxía eléctrica no mes de maio, a redución da produción nestes 5 meses en máis de 150 mil metros cadrados de material deixados de fabricar e polo tanto de por no mercado e vender, a redución da actividade comercial, e a redución de persoal, son políticas contrarias o que hai que facer verdadeiramente para sacar a CEDONOSA desta situación.
O plan de viabilidade feito por Roca Younyen (polo cal cobraron máis de 80 mil euros, o equivalente a un mes de salario de todo o persoal) non se realizou sobre unha información auditada, senón sobre datos facilitados polo propios accionistas de Cedonosa, sendo pois un plan inservible e ineficaz como xa manifestamos o Comité de Empresa e as centrais sindicais no seu día, pero tiveron que pasar estes 5 meses para que nos deran a razón, e o que antes era falta de vontade para negociar agora é a realidade.
Os propios administradores concursales concordan en que:
1º) A venta dos dereitos de emisión CO2 hipoteca a capacidade produtiva da empresa, polo tanto convén executar a anulación de dito acto.
2º) Os propios membros do Consello de Administración baixo empresas de grupo como Zobeltón, foron contratados para a realización de análises para recuperar e optimizar as posibilidades de rendabilidade de Cedonosa e cobraron máis de 117 mil euros por isto, pero nunca se puido comprobar si se realizaron ou non estes traballos.
3º) A Iberfomento o maior accionista de Cedonosa, tamén se lle fixeron diversos pagos e tampouco se puido comprobar que traballos fixeron, mais que meter a man no caixón.
O propio plan presentaba unha serie de interrogantes sobre imputación de custes, proxeccións económicas futuras e medidas a tomar, que dan resultados distintos aos que se pretendian obter.
Os resultados destes 3 primeiros trimestres do 2008, presentan importantes perdas en Ferrogres de Teruel, e mais aínda en Cedonosa en Catoira, por cabezonería e mala xestión da actual Dirección. O que fai que as proxeccións futuras establecidas no plan de viabilidade son irrealizábeis, son pura ciencia ficción.
O traslado da produción a Teruel era outra das súas premisas, o que levaría a que este lastre que vimos arrastrando desde que se creou esta planta, seguiría en aumento, xa que os custes serían moito maiores.
Con este plan pretendían despedir a 21 persoas e pasar a fixos descontinuos 15 máis, desde o punto de vista sindical, esta medida é totalmente innecesaria, por estar apoiada nunhas bases totalmente falseadas.
Esta medida era un fin en si mesmo o desfacerse do persoal, sen custe, xa que pretendian que os despidos os pagara o Fondo de Garantía Salarial (FOGASA), é dicir, papa pueblo.
Ademais, como ían producir se non terían xente para atenderlle as maquinas e traballar?
Se este plan non vale, e o recoñecen agora, os despidos que tiñan contemplados no mesmo, teñen que ser reconsiderados e polo tanto pedímoslle a Dirección que retire o Expediente de Regulación de Emprego que ten presentado no Xulgado do Mercantil.
Aquí non sobra ninguén, e se sobra alguén son eles.
Non se pode consentir que xoguen cos postos de traballo e co pan dos nosos fillos, todos e todas coñecemos a enorme importancia que tivo, que ten a empresa como soporte económico de moitas familias do noso concello.
Unindo forzas debemos loitar por evitar que desmantelen esta planta, defenderemos a súa viabilidade económica e financeira, porque esta empresa é produtiva e rendíbel.
Agora acabase de contratar a outro consulting para elaborar un novo plan, dinos que se está a facer a ver se cadran as contas, nós esperamos con expectativa, pero con cautela, xa que no burato o final do túnel aínda non se ve a luz.
As medidas concretas e urxentes que teñen que tomar nesta situación deben ir en reducir a débeda financeira, facer uso do aval do IGAPE por valor de 1 millón 700 mil euros, tomar medidas no orde produtivo para que se poña en marcha o terceiro forno e se aumente a produción, o que levaría consigo a contratación de máis persoal, que non se deixe de servir os clientes por falla de produción, e para que a calidade que nos caracterizou até o momento non baixe, obtendo o rendemento do produto que corresponde e se espera.
Queremos pedirlle pois, os actuais directivos e grupo de inversores que non poñan máis trabas, que Cedonosa non deixe de ser un activo para converterse nun morto, xa que os traballadores e traballadoras de Cedonosa non o imos consentir.
Por iso vos pedimos o voso apoio que hoxe unha vez mais se ve reflectido aquí.
Isto é o que nos da forza para seguir loitando.
Polo mantemento dos postos de traballo.
Por un futuro industrial para Cedonosa.
Pola continuidade de Cedonosa en Catoira
Por unha Cedonosa competitiva e rendíbel.
Pola retirada do Expediente de Regulación de Emprego. Non aos despedimentos.
Polo apoio das administracións para que Cedonosa poida continuar coa sua actividade empresarial.
Por todo isto, amigos e amigas, grazas pola vosa presenza e apoio. A loita continúa.