marco
Vigo, 13/10/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Inclúe prexubilacións e compensacións económicas

Os traballadores de Draka Cables aceitan un preacordo para pechar a factoría a finais de outubro

O centenar de traballadores da factoría de Draka Cables en Mos (Pontevedra) aceitou un preacordo coa dirección da empresa para levar a cabo o peche da fábrica, no que se establecen diversas compensacións para a totalidade dos empregados, e que conta "cun apoio do 100% do persoal", segundo informou o comité de empresa nunha nota de prensa remitida aos medios de comunicación o pasado 9 de outubro.

O preacordo entre ambas as partes chega despois de que a compañía Draka Cables -que produce cable para a automoción- anunciase o pasado 21 de abril o peche da súa factoría en Mos.

O plan social referendado polos traballadores inclúe diversos puntos, como o acceso á prexubilación ao 100% para todo o persoal que supere os 55 anos, así como unha compensación de 2.000 euros lineais á totalidade do persoal -incluídos os prexubilados- e 65 días de salario por ano traballado para os que non accedan á xubilación anticipada.

Ademais, o preacordo tamén establece que a totalidade dos traballadores seguirán en nómina de Draka Cables o que queda de mes, e de aquí en diante, porase en marcha un plan para recolocar aos empregados que queden en situación de desemprego.

Asuntos pendentes por negociar

En todo caso, o comité de empresa advirte de que aínda queda pendente "limar os flocos do preacordo", e que pasan "por conseguir unha bolsa de emprego-formación por parte da Consellería de Traballo e do Igape" e por lograr que o Goberno local de Mos outorgue "prioridade de recolocación" aos ex-empregados de Draka nas instalacións situadas "nos terreos arrendados polo Concello".

Cinco meses de negociacións e mobilizacións

O comité de empresa recorda que o preacordo se logrou tras "máis de 15 reunións" e "máis de 5 meses de tensas negociacións" entre representantes da compañía e do comité de empresa, logo da "decisión inamovible" que tomou a multinacional holandesa respecto ao futuro da planta pontevedresa.