marco
Vigo, 13/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Suso Seixo, secretario xeral da CIG, dirixíndose aos e ás asistentes da manifestación de Vigo no seu acto final.
Por volta de 2.000 persoas participaron na marcha da Coruña.
Imaxe da manifestación de Viveiro.
Imaxes da marcha de Compostela.

A manifestación de Ferrol logrou reunir a uns 1.600 traballadores e traballadoras.

Imaxe da manifestación de Pontevedra.
Imaxe da manifestación contra a crise económica, en Ourense.
Manifestación en Lugo.

Amosao na túa páxina 
Máis de 15.000 persoas sairon ás rúas no noso país

A CIG mobilízase en toda a Galiza en demanda de medidas para enfrontar a crise económica

As manifestacións en Vigo, A Coruña, Ferrol, Compostela, Pontevedra, Lugo, Ourense e Viveiro convocadas pola CIG na noite do 13 de novembro mobilizaron a máis de 15.000 persoas contra a crise económica e a falta de medidas reais das administracións e apoio aos traballadores e traballadoras. Nestas marchas reclamouse que se poñan as bases para desenvolver un novo modelo socioeconómico e que se adopten medidas para que a crise a paguen os que a provocaron e non a maioría social.

"Estamos aquí para exixir responsabilidades políticas a aqueles que defenderon e xustificaron este modelo económico baseado na especulación, á marxe da economía real, que permitiu aos especuladores amasar grandes fortunas e para denunciar as medidas que están a adoptar os gobernos, pondo nas súas mans millóns de euros dos fondos públicos que despois van financiarse a custo da clase traballadora vía impostos, recortes do gasto social e perda de poder adquisitivo dos salarios".

Así resumía o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, as razóns que levaron ao sindicato a convocar este xoves mobilizacións en toda Galiza, ao comezo da súa intervención na manifestación central, que tivo lugar en Vigo, cunha participación de máis de 4.000 persoas e que chegou a xuntar a 15.000 en toda Galiza.

Unha intervención na que Seixo aproveitou para demandar a adopción de medidas estruturais "contrarias ao que viñan sendo as políticas neoliberais", nomeadamente a supresión dos paraísos fiscais, a defensa dun sistema fiscal progresivo, a demanda dun incremento dos impostos ao capital, da nacionalización da banca e do sector enerxético, do cambio do actual modelo produtivo por outro "sostíbel do punto de vista ambiental e social" que garanta condicións de traballo dignas e que inclúa ademais fortes investimentos públicos en gasto social e economía produtiva.

Crise do modelo capitalista

O secretario xeral salientou ademais que para a CIG a actual crise financeira é só a punta do iceberg dunha crise económica máis profunda, que afecta ás bases do sistema capitalista. "Unha crise de sobreprodución e de estancamento económico que se ven dando desde principios dos anos 70. Unha crise que o capital pretende superar mediante políticas liberalizadoras, desregulando o mercado laboral, os movementos de capitais ou comercio mundial, privatizando os servizos públicos e o sistema de protección social ou fomentando a economía especulativa".

Aposta por outra modelo socioeconómico

Por iso a CIG, con estas mobilizacións, tamén denunciou que o actual modelo económico "non é", en palabras de Seixo, "o que necesita a clase traballadora e a grande maioría da poboación". A central sindical aposta por un outro modelo que poña a economía ao servizo da mellora das condicións de vida de toda a poboación e non só duns poucos. "Temos que loitar por un sistema que garanta un reparto da riqueza máis xusto e igualitario. Un sistema no que as relacións entre as nacións soberanas se estabeleza de forma pacífica e en pé de igualdade. Temos que aproveitar este momento para sentar as bases para camiñar cara o socialismo do século XIX", insistiu o secretario xeral.

Loita pola soberanía política

Xunto a iso fixo un chamamento a loitar por conquistar cotas reais de soberanía política que posibiliten que Galiza conte con mecanismos propios para afrontar esta crise pensando nos intereses e no que é máis beneficioso para as clases populares galegas."Temos que organizarnos e mobilizarnos, exixir cambios estruturais profundos. Se mantemos unha actitude pasiva o capital vai procurar superar a crise incidindo nas mesmas políticas ou moi similares ás que ven promovendo até o de agora", concluíu o secretario xeral.

Vigo

Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo, subliñou que "neste momento na comarca de Vigo hai máis de vinteseis ERE's, moitos deles de empresas de automoción, que van ter beneficios neste ano", e lembrou "que estamos a pagar entre todos e todas estes ERE's, porque saen da caixa do INEM a que contribuimos todos os traballadores e traballadoras".

Abraldes engadiu que neste contexto "moitas empresas están aproveitándose destas circunstancias para despedir aos seus empregados". Tamén fixo mención á difícil situación que terá que enfrontar a comarca de Vigo despois do recoñecemento de Citroën de que no 2009 van continuar os recortes na súa factoría nesta cidade.

Compostela

Pola súa banda, Anxo Noceda, alertou das consecuencias que a crise comeza a ter para a comarca de Compostela, que se traducen nun preocupante incremento do desemprego no pasado mes de outubro, e da excesiva dependencia da economía da zona de sectores como o público, do que dixo que "tocou teito na súa capacidade de xerar emprego"; o de servizos, fundamentalmente ligado ao turismo que "é dos primeiros en resentirse nas situacións de crise" e, ao igual que no resto do país, da Construción.

Por iso, demandou medidas como as que ten proposto a central e que mesmo contan co aval do Consello Galego de Relacións Laborais, encamiñadas a diversificar o tecido económico, cun maior desenvolvemento do sector industrial e co investimento en infraestruturas, como a comunicación ferroviaria co Barbanza, tanto para transporte de viaxeiros como de mercadorías", entre outras.

Pontevedra

Tras analizar as razóns que teñen provocado esta crise económica e denunciar as medidas que até o de agora se teñen articulado desde os gobernos para solucionala, Rafa Iglesias, secretario comarcal da CIG de Pontevedra, demandou a intervención no mercado por parte dos poderes públicos para defender a economía produtiva.

Máis cando o retrato da situación, no caso concreto da comarca de Pontevedra é tan negativo como explicou na súa intervención, con ERE's ou suspensións de pagos presentados en numerosas empresas, como Género de Punto Montoto, Proinsa, IBASER ou MONPASA, onde sobrarían (nesta última) uns 17 traballadores e traballadoras, ou o que é o mesmo, a metade do cadro de persoal; a suspensión temporal de emprego de 6 días anunciada xa ao comité en Treves Galicia; o despedimento da metade do cadro de persoal na empresa de Marín VIPOMAR e a situación na que comezan a atoparse empresas vinculadas ao sector da construción como MARINOXFRI S.L, entre outras.... Unha situación que para Iglesias fai temer un importante incremento do desemprego neste mes fronte ao pasado e que fai imprescindíbel a aplicación urxente de medidas que permitan superar o modelo económico capitalista neoliberal.

Cómpre salientar que na manifestación de Pontevedra participou tamén unha representación de mariñeiros da flota NAFO.

Lugo

Para Xosé Ferreiro, secretario comarcal da CIG de Lugo, a crise nesta provincia non é algo novo. Segundo salientou na súa intervención, Lugo ten un 34% de pensionistas cunha pensión media de 540 euros; o 30% dos afiliados á Seguridade Social son autónomos, incluídos os do Réxime Especial Agrario e o 40% dos asalariados cobran menos de 900 euros ao mes. "Eses son precisamente quen van pagar, cos seus impostos, a desfeita provocada polas entidades financeiras, polas organizacións políticas que consentiron e promoveron a implantación deste modelo económico e as organizacións sindicais que, como CCOO e UGT, miraron para outro lado e consentiron esta situación".

Unha situación que agora, coa crise económica global, está a empeorar e que parece que non terá unha resposta social contundente, máis logo de que "Wall Street colocara a Obama no poder para tranquilizar aos movementos sociais en EEUU, ao tempo que garantía así a continuidade do sistema".

En Lugo tivo lugar antes da manifestación, un acto no que participaron máis de 150 delegados e delegadas no que o economista da USC Bernardo Valdés presentou a charla "A clase traballadora perante a crise económica".

Ourense

Para Etelvino Blanco os efectos da crise na comarca de Ourense son máis graves xa que a provincia padece un problema de crise económica "case endémico e contra o que non se tomaron medidas efectivas" causado pola baixa industrialización, os altos índices de desemprego e a inmigración. Neste senso, o secretario comarcal da CIG de Ourense lembrou que, segundo os últimos datos, hai 1.500 parados máis rexistrados e denunciou que as empresas están aproveitando para rescindindo os contratos temporais, ao tempo que se rexistra un incremento dos expedientes de suspensión temporais na provincia, que aumentaron un 300% máis, con respecto ao pasado ano.

O secretario comarcal manifestou a preocupación da central pola situación na que se atoparán as empresas de automoción vinculadas a Citroën e que até agora viñan sorteando o ERE con outras alternativas. Preocupación que se estende ao sector da construción "que está conseguindo manterse, pero que xa veu incrementada a taxa de desemprego nun 27%". Tamén fixo especial mención á situación que atravesa o sector da lousa da comarca de Valdeorras, onde xa pecharon varias empresas dedicadas a esta actividade "aínda que segue sendo un sector con beneficios", pola "torpeza coa que os empresarios están a manexar as súas industrias" . Para rematar, Etelvino Blanco, cargou contra os empresarios da provincia que aproveitan a escusa da crise para reducir os dereitos dos/as traballadores/as. "Aquí estase utilizando o tema da crise para conxelar os salarios, como se pode ver no caso de Adolfo Domínguez ou da Fundación Valdegodos", afirmou.

A Mariña

Xorxe Caldeiro, alén de lembrar as razóns polas que a CIG puxo en marcha esta campaña e de sinalar as propostas da central para enfrontar a crise alertou, sobre todo, da necesidade da mobilización social fronte a pretensión dos responsábeis políticos desta situación de "refundar o capitalismo", que é para o que se supón que está convocada a xuntanza dos G-20/21.

"Podemos quedarnos agochados diante do televisor vendo a crise pasar até que nos toque directamente... ou podemos actuar", dixo na súa intervención engadindo que "Podemos pechar os ollos á realidade... ou podemos intentar mudala", reiterou, "ante a gravidade da situación económica, non podemos permanecer impasíbeis, contaxiados da apatía, a indiferenza e a desmobilización que promoven as organizacións estatais, tanto políticas como sindicais".

A Coruña

A marcha da Coruña partiu contra as 20:15 da praza da Palloza e rematou 45 minutos máis tarde na Delegación do Goberno español, na praza de Ourense. Por volta de 2.000 persoas secundaron a manifestación na cidade herculina. Paulo Carril, secretario comarcal, foi o encargado intervir ao remate do acto.

Carril reprochoulles á Xunta e ao Goberno do Estado a falta de vontade política para preservar o emprego na Coruña e na súa área de influencia. Citou os casos de Martinsa-Fadesa e o máis recente de Atento. Mentres, a Consellaría de Pesca e a Autoridade Portuaria dedícanse a subvencionar un grupo como Correa-Kessler, que botou 40 traballadores dunha das súas empresas, Elcesa, que agora se encontra en concurso de acredores. Ademais, arredor de 30 obreiros que traballan na construción da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Bens foron despedidos días atrás e oito máis foron botados na UTE-Langosteira.

Ferrol

A manifestación de Ferrol logrou reunir aproximadamente 1.600 traballadores e traballadoras. O secretario comarcal, Xesús Anxo López Pintos, censurou na súa alocución o plan de rescate aos bancos emprendido polo Goberno español e alertou das consecuencias nefastas para a clase obreira que está a ocasionar o sistema económico neoliberal.

López Pintos avogou por loitar decididamente para que ao estaleiro de Fene se lle levante o veto político que lle impide construír embarcacións civís, tendo en conta, ademais, que a industria naval está en auxe na actualidade. López Pintos animou a traballar con total entrega para superar estes tempos duros e deixar ao lado as disputas, “porque o proletariado galego así nolo demanda”.

Preme aquí para ver a Galería fotográfica