marco
Compostela, 13/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Educación paga as empresas de transporte 900 euros ao mes, pero os/as traballadores/as só perciben 171 euros

Os/as acompañantes do transporte escolar perciben un 81 % menos do que lles corresponde

A CIG-Ensino vén de denunciar que os/as acompañantes do transporte escolar perciben un 81 % menos do que lles correspondería, segundo o que a Consellaría lles transfire ás empresas de transporte para cubrir os gastos deste servizo. Detectáronse casos de compañías que en lugar de contratar directamente a estes/as traballadores/as e aplicarlles o Convenio de transporte de viaxeiros fano mediante empresas de servizos e retribúenos, soamente, coa parte proporcional que lles corresponde do salario mínimo interprofesional.

A CIG-Ensino detectou casos de empresas de transporte escolar que contratan as/os acompañantes a través de empresas de servizos e retribúenos, soamente, coa parte proporcional que lles corresponde do salario mínimo interprofesional.

A Consellaría de Educación, co fin de cubrir a necesidade de acompañante no transporte escolar, optou, no seu día, por transferir unha cantidade por cada acompañante á empresa que cobre o servizo de transporte.

Porén, neste momento, hai empresas que en lugar de contratar directamente a estes/as traballadores/as e aplicarlles o Convenio de transporte de viaxeiros fano mediante empresas de servizos e retribúenos, soamente, coa parte proporcional que lles corresponde do salario mínimo interprofesional e non en relación ao que a Consellaría aboa ás empresas de transporte.

Estamos, sen lugar a dúbidas, ante unha cesión ilegal de traballadores e traballadoras, pois teñen que ser as empresas de transporte que teñen concertado o servizo as que deben contratar directamente o persoal acompañante e retribuílo en relación á cantidade que a Consellaría lles proporciona.

Esta actuación fraudulenta comporta que, ao final, os/as acompañantes de transporte escolar, contratados/as por horas, perciban unhas retribucións raquíticas polo traballo que realizan. Así, por exemplo, a Consellaría págalles ás empresas de transporte 900 euros ao mes por cada ruta non combinada e os/as acompañantes só perciben 171 euros ou, o que é o mesmo, a Consellaría aboa 45 euros/día e o acompañante recibe soamente 8 euros/día.

A CIG-Ensino exixe da Consellaría que paralice e impida estas prácticas abusivas e totalmente inxustas para que os/as acompañantes do transporte escolar perciban como retribución a cantidade que a Consellaría lles envía ás empresas de transporte.