Comunitel era unha empresa galega de comunicacións que medrou co apoio, subvencións e suculentos contratos coa Administración pública galega. Todos os servizos de atención aos clientes estiveron sempre subcontratados a través do call center de Bosch en Vigo. Posteriormente Comunitel foi adquirida pola sueca Tele-2 que vén de ser adquirida á súa vez por Vodafone.
O pasado 20 de decembro a CIG gañaba as eleccións para a ampliación no Comité de Empresa, a primeira vez que o sindicalismo nacionalista conseguía a maioría nunha gran empresa do sector.
O día 21 de decembro o seguimento da Folga en Bosch foi practicamente total, sendo a concentración nesta empresa a que maior número de traballadores e traballadoras sumou en todo o Estado. Ese mesmo día a empresa asumía o compromiso de sentarse a negociar melloras extra-convenio.
O pasado 15 de xaneiro era despedida unha delegada da CIG, a única entre o persoal de estrutura. Na última reunión con RRHH mantida a semana pasada a empresa comprometeuse a estudar a situación e a falar antes da mediación no SMAC prevista para o vindeiro luns 18 de febreiro. Pero en lugar de afrontar a reincorporación da traballadora inxustamente despedida ten iniciado unha nova vaga represiva.
Ao longo desta semana varias persoas que estaban de baixa recibiron notificacións de despido; cando menos outras dúas persoas foron sancionadas con suspensión de emprego e soldo nun caso por chegar 1 minuto e 44 segundos tarde (segundo a empresa), no outro por non estar conforme cun informe sobre o seu traballo e solicitar a presenza dun representante sindical.
O día 12 de febreiro pola tarde era despedida unha candidata da CIG no último proceso electoral, recoñecendo a empresa a improcedencia e sen que a carta de despido recolla o motivo do mesmo (verbalmente a empresa dixo que era porque quería, sen que houbera motivo).
A CIG ten previstas mobilizacións na empresa así como asembleas de traballadores e traballadoras para expoñerlles a situación e analizar as medidas a tomar.
CIG-Banca, 13 de febreiro de 2008.