marco
Compostela, 13/5/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Incúmprese así a obriga de subrogación, que debe garantir a administración pública

Presidencia permite o despedimento das 11 traballadoras da exposición Galicia Dixital

O pasado día 2 de maio, as 11 traballadoras da exposición Galicia Dixital, dependente da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual (consellaría de Presidencia), que levaban 8 anos prestando servizos para as diferentes empresas concesionarias encargadas da mostra, foron despedidas. Así o denunciaba en rolda de prensa Roberto Alonso, secretario comarcal de CIG-Servizos, quen anunciou inminentes mobilizacións e reclamou unha solución inmediata.

Galicia Dixital comezou a súa andaina no ano 2000. Até o día de hoxe, tres empresas diferentes obtiveron a concesión para encargarse da mostra. En todos os casos, ao longo destes 8 anos, as traballadoras (10 traballadoras e un traballador) mantiveron o seu posto, ou o que é o mesmo, foron subrogadas.

Porén, a comezos do mes de maio, a nova concesionaria, Telecyl S.A, faise coa concesión, négase a subrogar ao persoal e as traballadoras van ao paro. “Non entendemos que é o que pasou aquí. Se anteriormente houbo tres empresas e en todos os casos se fixeron cargo do persoal, tal e como se requiría nos pregos- por que esta empresa non o quere facer? O que nos contestan tanto da Xunta como desde a empresa é que neste caso o prego de condicións non exixe a subrogación”, explica Roberto Alonso, responsábel comarcal da federación de Servizos da CIG.

Porén, esta xustificación é, para a CIG, falsa. Aínda que nos pregos de condicións anteriores si que figuraba expresamente a obriga de subrogar ao persoal, neste último si que indica que a empresa adxudicataria virá obrigada a respectar as normas e convenios en vigor que houbera anteriormente. Unha desas normas en vigor, sería o dereito adquirido da subrogación, tal e como se fixo nas anteriores ocasións.

Empresa de telemarketing

Para a CIG-Servizos, o proceso é moi sospeitoso xa que estamos a falar dunha empresa descoñecida no sector, de Valladolid, que se dedica a telemarketing e á industria editorial. O prego de condicións exixe, segundo Alonso, experiencia probada no sector de exposicións e congresos nos últimos tres anos e contar con persoal debidamente formado para o labor a desenvolver (guía da exposición), en concreto, cun mínimo de 8 traballadoras/es. A CIG intentou comprobar a experiencia requirida no caso desta empresa. “Non atopamos nada relevante a non ser a actividade como teleoperadora e como editorial. Canto ao persoal, polo que puidemos comprobar, non había –o pasado sábado día 10 de maio- o persoal mínimo requirido no prego, que serían oito persoas”.

Para a CIG tamén resulta rechamante que para unha contrata de dous anos se presuposten preto de 600.000 euros, cando os únicos gastos que hai son as nóminas do persoal, porque o resto do material de traballo depende da Xunta de Galiza.

Diante destes datos, a CIG pregúntase cales son as razóns reais que levaron a outorgar a concesión a esta empresa e, sobre todo, por que hai tanto interese por eliminar ao persoal que traballaba na exposición até o de agora. Máis tendo en conta a súa probada profesionalidade e experiencia logo de oito anos de traballo continuado na mostra.

Roberto Alonso tamén cuestiona o interese deste chamado goberno de progreso e nomeadamente da consellaría de Presidencia, por garantir, como din, a estabilidade laboral e a creación de emprego feminino, cando aquí se eliminan dun plumazo 10 postos de traballo ocupados por mulleres. Alonso matiza que, “non vale que deriven a responsabilidade das contratacións na empresa concesionaria. A administración pública debe facer cumprir a normativa vixente e dar exemplo fomentando a estabilidade no emprego”.

Por iso, a CIG-Servizos exixe a readmisión inmediata destas traballadoras, cumprindo así coa obriga da subrogación. De non facelo, anuncia mobilizacións que xa comezaron esta mesma xornada cunha concentración diante do edificio de San Martiño Pinario, onde se ubica a exposición.