marco
Compostela, 13/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A CIG responsabiliza ao Presidente da Xunta de que o conflito siga sen resolverse

As declaracións de Touriño respecto do papel de Villar Mir no conflito de Serrabal son “insultantes” para os sindicatos

O Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, vén de cualificar as declaracións do Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, respecto do papel que o empresario Villar Mir ten no conflito de Serrabal, como “insultantes” para as organizacións sindicais que están a intervir no mesmo. A CIG pregúntase ademais as razóns que se agachan tras da negativa do Presidente da Xunta a, sequera, valorar un posíbel cambio de trazado mentres asume sen problemas o resto dos que se están a aprobar e o culpa da actual situación por eludir a súa responsabilidade como Presidente.
O 14 de agosto de 2007, e á vista do mutismo do Presidente da Xunta, os traballadores de Serrabal e Ferroatlántica decidiron percorrer, andando, o camiño desde O Grove até o lugar onde pasaba as súas vacacións de verán Emilio Pérez Touriño. Demandaban, como teñen feito en incontábeis ocasións, ser recibidos polo titular do Executivo, quen preferiu estar na inauguración da Feira do Cómic da Coruña. Abrir unha vía de diálogo cos traballadores e as organizacións sindicais non estaba na súa axenda aquel día.

Para a CIG, con este tipo de declaracións, o Presidente da Xunta, pon de manifesto a súa concepción do que é o diálogo social. “Non sabemos con que tipo de organizacións está acostumado a tratar el e se son tan manipulábeis como cre que somos todos. Desde logo desde a CIG non nos deixamos manipular por ninguén, nin por Villar Mir nin tampouco por Touriño”, afirma o secretario xeral da CIG.

Seixo asegura que con estas mobilizacións a CIG está “defendendo os intereses dos traballadores, intereses que, por certo, se lle esqueceron ao sr. Touriño durante todo este conflito” e engade que é dunha “enorme cobardía” que en vez de afrontar a problemática económica e social que se deriva do trazado oficial ao seu paso pola mina “o que está a facer é escudarse en cousas deste tipo, culpando ao empresario das mobilizacións cando o que tiña que facer era reunirse coas organizacións sindicais e os comités e darlle unha saída. Este conflito podía estar solucionando desde hai tempo se non fose porque el se empeñou xustamente no contrario”.

Para Suso Seixo, se Touriño pensa que detrás das mobilizacións está Villar Mir “nós lexitimamente tamén teremos que pensar quen está detrás do Sr. Touriño”. Por iso pregúntase por que razón se nega a aceptar a proposta de cambio de trazado feita polos traballadores nunha zona que pode pór en perigo postos de traballo e porén acepta con total e absoluta normalidade que se fagan cambios de trazado en calquera outro recorrido do AVE dentro do territorio de Galiza. “Ou é unha cuestión de cabezonería ou obedece a outras razóns que nós non coñecemos e que oculta e que pretende desviar os tiros eludindo o problema e a responsabilidade recorrendo á empresa de Vilar Mir”.

A CIG entende que se hai algún responsábel do conflito de Serrabal é o propio Presidente da Xunta. “Se por parte da Xunta de Galiza, con Touriño á cabeza, desde o principio, cando se prantexou por parte das organizacións sindicais e dos comités afectados un cambio de trazado, se levara adiante unha proposición da Xunta ao Ministerio de Fomento, o cambio sería hoxe unha realidade e non teriamos o problema enriba da mesa”. Lémbrase ademais que tanto Touriño como a conselleira de Política territorial, desde o primeiro, se negaron rotundamente a falar de calquera posibilidade de cambio de trazado. “Eles saberán por que”.

Pola súa banda Anxo Noceda, secretario comarcal da CIG en Compostela, asegura que non vale a eterna desculpa de que o cambio de trazado provocaría atrasos, máis cando o propio alcalde de Santiago –que tamén se opuxo a calquera posibilidade de, sequera avaliar unha alternativa para Serrabal- vén de conseguir un compromiso do ADIF de revisar o mesmo trazado á entrada do TAV en Compostela, previsto polo Castiñeiriño.

Alén diso, Noceda exixe ao Presidente da Xunta garantías reais diante dos traballadores de que non se van ver afectados os postos de traballo e non só declaracións á prensa. “Aínda estamos pendentes, despois de máis de un ano, da continuación da xuntanza que se mantivo con el o 28 de abril do 2007, na que adquiriu unha serie de compromisos que logo incumpriu”.

Noceda lembra que o actual conflito non se cingue exclusivamente ao mantemento dos actuais postos de traballo, senón tamén aos que se poderían crear no futuro se se desenvolven todas as potencialidades e o proxecto industrial relacionado co sector da enerxía solar. Un proxecto industrial que non sería interesante só para os traballadores senón tamén para Galiza.