Xunto a estes traballadores e traballadoras, tamén acudiron a esta mobilización representantes das tres centrais sindicais presentes no comité de empresa. Esta manifestación quixo ser unha mostra máis de rexeitamento á solución que aporta a empresa para este colectivo: os traballadores, até agora todos indefinidos, serían reubicados noutros centros a través de contratacións de seis meses co 80 por cento do salario base e sen recoñecemento da antigüidade.
“Draka non se pecha”
A manifestación partiu pasadas as once da mañá da Via Norte e remataba unha hora despois diante da delegación da Xunta en Vigo, na praza da Estrela. O berro unánime de “Draka non se pecha” ecoou ao longo de todo o percorrido polas principais rúas do centro desta cidade.
O presidente do comité de Empresa, Alberto Míllara, explicou que a mobilización tamén queria por de manifesto que “os traballadores e traballadoras de Draka nos sentimos orfos e reclamamos o apoio decidido da Xunta con este tema”.
Reunión con Traballo
Por isto, ao remate da marcha, diante da sede da Xunta, o comité de empresa da planta de Draka en Mos reuniuse co delegado provincial de Traballo, Pedro Borrajo, a quen entregaron documentos sobre a súa situación actual e pedironlle que realice unha labor de intermediación para tentar solucionar o conflicto, que comezou polo anuncio do peche desta factoria.
Draka Holding NV está presente en 30 países de Europa, Norteamérica, Sudamérica, Asia e Australia, e as súas 68 compañias empregan a máis de 9.000 persoas. Draka Cables Vigo caracterizase polos seus altos niveis de produtividade e de competitividade industrial, conseguindo nos últimos anos os mellores niveis de calidade, servizo, desenvolvemento en novos produtos e innovación, de todas as plantas de Draka Holding NV no sector da automoción.