1.- En primeiro lugar, calquera nova baixada dos prezos coloca ás explotacións de leite en alta situación de risco de peche. O feito de que nesta campaña e, segundo dados oficiais, arrancaramos xa con outras 1.054 explotacións menos, debería facer recapacitar e actuar urxentemente no tema dos prezos.
2.- É totalmente reprobábel a actitude de Lácteos Lence que, ademais de baixar o prezo do leite, está comunicando agora as baixadas para o leite que xa foi entregado no mes de xullo, e para o que tiña acordado cos produtores/as un prezo máis alto.
3.- Desgrazadamente, parece confirmarse que o contrato homologado sen prezo é un instrumento tremendamente útil para as empresas, que utilizan métodos de dubidosa legalidade e totalmente reprobábeis para conseguir un prezo extremadamente baixo do que partir cos contratos. Hai que lembrar que o Sr. Lence foi un dos asinantes do Contrato homologado sen prezo na Galiza. Estas prácticas confirman igualmente que o contrato sen prezo tampouco aporta ningunha estabilidade ao sector tal e como afirmaron non seu día os asinantes do mesmo.
4.- Dada a gravidade da situación, demandamos a intervención da Consellaría do Medio Rural para que utilice todos os medios dos que dispón para parar estas prácticas totalmente abusivas por parte de Lácteos Lence e para que abra un verdadeiro proceso de negociación de cara a establecer uns prezos mínimos para o contrato.
De non haber resposta adecuada e a curto prazo, o Sindicato Labrego Galego estudará a vindeira semana accións a realizar perante destas prácticas.