marco
Compostela, 14/10/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A CIG considera que foi unha xuntanza para cubrir a formalidade do diálogo social

O conselleiro de Economía reúnese cos sindicatos para sacar a foto

Este luns día 13 de outubro, celebrábase unha xuntanza, convocada pola consellaría de Economía, coas organizacións sindicais máis representativas de Galiza –CIG, CCOO e UGT- para informar dos contidos dos orzamentos da Xunta para o ano 2009. Suso Seixo, secretario xeral da CIG, considera que se tratou simplemente de cubrir a formalidade e manter a imaxe de diálogo social.

Tras da xuntanza celebrada este luns co conselleiro de Economía sábese que os orzamentos para o ano 2009 terán en conta a crise económica, que haberá que recorrer ao déficit e que se fará un especial esforzo en políticas sociais e nos sectores produtivos. Previsións que, segundo Suso Seixo, non se traduciron en partidas orzamentarias concretas. “Saímos sen saber se se van incrementar os orzamentos, nin canto, nin cales son as previsión de crecemento da economía nin do emprego”.

Por iso a CIG entende que esta xuntanza tiña como obxectivo cubrir a formalidade co chamado diálogo social, máis que escoitar e atender as propostas das organizacións sindicais ou de informar polo miúdo sobre o contido dos orzamentos.

En calquera caso, a CIG levou a esta reunión toda unha serie de propostas que foron entregadas ao conselleiro Xosé Ramón Fernández Antonio e presentadas na propia xuntanza. Así, o secretario xeral da CIG salientou a necesidade de non ser “timoratos” co déficit, para poder contrarrestar con investimentos públicos a falta de crédito e de investimento do sector privado.

Canto ás políticas sociais Seixo propuxo manter e mellorar o sistema de inserción social, ademais da creación dun Salario de Inserción Laboral, para maiores de 21 anos desocupados. Ao tempo, reiterou a necesidade de que se articulen políticas que permitan ás traballadoras e traballadores recuperar o poder adquisitivo dos seus salarios pola vía, entre outras, de reducir os impostos indirectos.

Xunto a iso a CIG propuxo que se destinaran investimentos aos sectores produtivos e que se apoiara ás pequenas e medianas empresas e criticou duramente o uso dos cartos públicos para garantir liquidez ás entidades financeiras. “Recursos que poderían garantir vías de financiamento para a economía produtiva”, explicou Seixo quen, no canto dese sistema ,propuxo a creación dun Banco Público Galego que canalice eses recursos e proporcione o crédito necesario para garantir o funcionamento da economía produtiva e as economías familiares”.

 

O documento presentado:

PROPOSTAS CIG ORZAMENTOS XUNTA 2009.

De novo estamos a vivir unha crise económica a nivel mundial que, segundo moitos analistas, é a máis profunda das últimas décadas. Esta crise económica emerxe a nivel mundial a raíz da crise financeira en EEUU provocada pola suba dos xuros e o conseguinte número de impagados en créditos e hipotecas que iso provocou, especialmente nas chamadas hipotecas de alto risco.

O que comezou como unha crise do sistema financeiro deu en trasladarse ao sistema produtivo, á economía real, a través da crise inmobiliaria, da crise na construción e en todos os sectores que dependen dela. É de agardar pois que esta teña especiais consecuencias tanto no Estado español como en Galiza, dado o elevado peso do sector inmobiliario no modelo produtivo español e galego.

A perda importante de postos de traballo que se vai dar en todo o mundo, como consecuencia da crise, en Galiza ímola sufrir dobremente pois aos traballadores e traballadoras que perdan o emprego dentro do país imos ter que sumarlles aqueles outros que colleron o camiño da emigración e que posibelmente retornen ao perderen o seu posto de traballo nos países nos que estean a traballar hoxe.

Esta crise económica xa se está a manifestar en feitos como: o baixo crecemento económico, a suspensión de pagamentos e o peche de numerosas empresas, aumento dos expedientes de regulación de emprego, o incremento do desemprego, a alza dos prezos, a suba das hipotecas, o aumento do número de impagados, etc. Toda esta situación pon de manifesto que as bondades sobre a creación de emprego das medidas adoptadas no Acordo polo Emprego, pactado nas chamadas Mesas para o Diálogo Social en Galiza, non son tales, como xa denunciou a CIG no se momento, senón que a creación de emprego era froito das altas taxas de crecemento económico e non de medidas estruturais que estivesen favorecendo o desenvolvemento do tecido produtivo galego, como no seu momento demandamos desde a CIG.

Ademais desta situación “conxuntural”, non debemos esquecer, nos orzamentos, outros problemas socieconómicos estruturais de Galiza, entre eles: o forte desequilibrio territorial, incremento das desigualdades sociais, perda de poboación, emigración....

Ter un posto de traballo de “calidade” ou uns ingresos, é unha condición indispensábel para a solución da maioría destes problemas. Neste senso, a CIG orienta todas as propostas que presenta cara aos novos orzamentos de 2009 a acadar estes obxectivos.

Neste contexto, destacamos as seguintes medidas a ter en conta:

  • Reforzo das políticas de protección ao desemprego, así como das destinadas a formación e inserción dos parados/as. Supresión das axudas á contratación, salvo as destinadas a colectivos de difícil integración laboral, e propomos destinar estes fondos a investimentos produtivos encamiñados á creación de emprego, actuando a administración como un axente económico máis.

Consideramos que a actuación da administración neste senso debería centrarse especialmente nas áreas máis deprimidas, con maiores taxas de paro, (especialmente feminino), xa que o mesmo tempo que se crea emprego, fixaría poboación.

  • Políticas de apoio ao sistema produtivo galego, facendo especial fincapé no peche dos ciclos produtivos e na calidade dos produtos.

· Estabelecer vínculos máis estreitos entre o sistema financeiro e o sistema produtivo. Promover unha nova Lei de Caixas de Aforro de Galiza que garanta o seu carácter social e a súa maior implicación no apoio ao sistema produtivo galego.

Creación dun Banco Público Galego.

  • Medidas de apoio ao incremento do poder adquistivo dos salarios.

· Unha política fiscal, na medida en que sexa competencia da dita administración, que aposte por incrementar a progresividade do sistema.

Neste senso consideramos imprescindíbel, cando menos, o mantemento do imposto do patrimonio, así como o de sucesións nos termos anteriores ás últimas modificacións.

· Implantar unha medida de subsidiación dos xuros nos créditos hipotecarios, en función das rendas, sempre que se trate da compra da primeira vivenda.

Creación dun salario social ou salario de inserción laboral, como unha medida solidaria, de integración laboral e social, así como de redistribución da renda. Entendemos que esta medida potenciaría o consumo, o mercado interno e o emprego. O salario social sería dunha contía equivalente ao SMI, levaría consigo a obriga de asistir a cursos de formación profesional e facer traballo social (tería que definirse que tipo de traballo reuniría esta condición a estes efectos), serían beneficiarios do mesmo os desempregados maiores de 21 anos, que non cobren ningún tipo de prestación económica, que leven residindo en Galiza un mínimo de 3 anos e que leven como mínimo un ano anotados no desemprego.

A distribución dos parados por tempo de busca de emprego no segundo trimestre de 2008 foi:

Total

109.1

Xa atopou emprego

16.8

Menos dun mes

7.3

De 1 mes a 3 meses

20.0

De 3 a 6 meses

19.5

De 6 meses a menos de 1 ano

13.9

De 1 ano a menos de 2 anos

15.8

2 ou máis anos.

15.9

Fonte: INE.EPA. Metodoloxía 2005.

Segundo estes datos os benefactores da medida serían menos de 31.700 persoas, xa que aquí están incluídos traballadores de menos de 21 anos e traballadores con menos de 3 anos de residencia en Galiza.

Se temos en conta que o SMI para 2008 é de 8.400 €/ano, a contía máxima sería de 266,28 millóns de euros.

Pero temos que ter en conta que o número de parados é moi inferior, xa que teríamos que restar:

- Os que perciben prestacións do INEM. A finais de xullo de 2008 eran 89.500, evidentemente moitos deles levan menos dun ano no paro, polo que habería que restalos do cómputo.

- Perceptores da RISGA. En torno aos 5.000 no 2008.

- Perceptores da renda activa de inserción: outros 5.000 aproximadamente no ano 2008.

· Fomento de vivendas de protección oficial en réxime de alugueiro con opción a compra.

· Garantía duns servizos públicos e dun sistema público de protección social en condicións dignas. Oposición a calquera medida privatizadora destes.

· Reforzar a rede pública de servizos sociais, así como as medidas destinadas a combater a pobreza e a exclusión social.

Ampliar período de baixa maternal ata os 12 meses con cargo aos orzamentos da Xunta.

Potenciamento de todo o referente á cultura e patrimonio de Galiza xa que, ademais de preservar os nosos sinais de identidade nacional, é unha importante actividade económica e de xeración de emprego.

· Mellora das infraestruturas portuarias e rede interna de estradas e camiños de ferro.

· Investimento en I+D+i.

· Garantía duns prezos mínimos xustos para os produtos agro-gandeiros e pesqueiros. Medidas eficaces de control dos intermediarios, así como fortes sancións sobre as marxes comerciais abusivas.

· Elaboración de programas integrais de desenvolvemento das diferentes comarcas de Galiza.

· Lei de ordenación do territorio.

Cómpre pois, para o ano 2009, que por parte da Xunta se recorra a uns orzamentos expansivos que contribúan a contrarrestar os efectos negativos que a crise financeira está a ter sobre o sistema produtivo e polo tanto sobre o emprego e as economías familiares. Hai que recorrer ao déficit público, propiciar a recuperación do poder adquisitivo dos salarios, combater a fraude fiscal, promover un sistema fiscal progresivo e incrementar de forma importante o gasto social e os investimentos produtivos.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2008