marco
Compostela, 14/10/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Está promovido pola Mesa e diferentes organizacións, entidades e persoas

Recollida de sinaturas do Manifesto en prol da oficialidade plena da lingua galega

Tras sumar expresamente o seu apoio ao “Manifesto a prol da convivencia lingüística e de igualdade de dereitos para o galego”, a CIG, por medio da súa Executiva Confederal, anuncia a súa participación activa na recollida de sinaturas en favor do devandito manifesto, que está a ser coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística.

O “Manifesto a prol da convivencia lingüística e de igualdade de dereitos para o galego”, que conta cun amplo respaldo de organizacións, entidades, colectivos e persoas, naceu como resposta á campaña que desde determinados sectores se vén lanzando contra os usos sociais do noso idioma. Campaña que, baixo o disfraz da suposta defensa do bilingüismo, pretende o confinamento da lingua propia e nacional de Galiza, o galego, e perpetuar a súa substitución polo español.

O propio Partido Popular, con Núñez Feijoo á cabeza, está a participar desta campaña de exclusión do galego na vida pública. Así, en datas recentes mesmo chegou a propor a derrogación do Decreto do galego no ensino (o decreto en si avoga por un equilibrio entre linguas, máis ou menos do 50%), por consideralo demasiado galeguizador.

Nos vindeiros días, estarán en todos os locais comarcais da CIG os pregos para a recollida de sinaturas en prol do Manifesto.

Así mesmo, hai que lembrar que estes apoios ao Manifesto tamén se poden facer on line, no sitio web da Mesa pola Normalización Lingüística.