marco
Vigo, 14/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
"La Voz" en Vigo publica un artigo cheo de inexactitudes sobre esta nova

A CIG obtén tres delegados/as de cinco a escoller nas eleccións sindicais de Dornier

O pasado 11 de novembro celebráronse as eleccións sindicais na empresa Dornier, que é a empresa adxudicataria da Xestión do Estacionamento Regulado. Nestes comicios os traballadores e traballadoras escolleron 5 delegados/as, dos que 3 son para a CIG e 2 para UGT. Unha nova en "La Voz de Galicia", que falaba deste proceso electoral, provocou malestar na sección sindical da CIG en Dornier, que solicitou o dereito de rectificación neste xornal.

A CIG editou un comunicado de agradecemento a todos os traballadores e traballadoras que participaron nas eleccións sindicais de Dornier S.A. pola súa participación nestas eleccións, e "en especial a todas aquelas persoas que confiaron o seu voto á candidatura presentada pola CIG, pois permitiu que acadaramos un resultado importante".

Pola polémica desatada a posteriori por UGT, que tentou quitarlle credibilidade á limpeza deste proceso electoral, a CIG subliña que "as urnas falaron, e alí estaban interventores da UGT, membros da mesa, os candidatos nas listas e ninguén mirou ningunha pantasma nese intre, pero parece ser que unha vez rematadas as eleccións, esas pantasmas acudiron ao seu encontro".

A CIG Servizos critica tamén "o inadmisíbel comportamento e as declaracións dalgúns, e a pataleta de neno pequeno cando non se consegue o que se propón, descualificándose eles mesmos".

Os traballadores da sección sindical da CIG en Dornier denuncian "a falta de respecto da UGT por este proceso libre e democrático, aínda que non nos extraña esta actitude, porque non respectan cuestións como o voto secreto nas asembleas cando se solicitaba" e engaden que "desde a UGT tamén se acosou e afastou a aquelas persoas que non decidían continuar polo camiño que esta organización sindical ditaba".

Por último, lembran que "os delegados/as da CIG elixidos temos como obxectivo loitar polos dereitos de todos e todas as compañeiras, sen violar a democracia e a liberdade de expresión á que todas as persoas temos dereito. Defenderemos este dereito diante da empresa e deste grupo sindical, UGT, que só loita polos seus propios intereses e que se deixa levar por odios persoais".

Dereito de rectificación á La Voz de Galicia

A continuación adxuntamos o escrito presentado pola CIG de Vigo diante de "La Voz de Galicia", pola nova que apareceu na sección local de Vigo, sobre este proceso electoral. 

 

 

Vigo, 13 de novembro de 2008

 

Sr. Director:

A Unión Comarcal de Vigo da Confederación Intersindical Galega (CIG) diríxese a Vde., na súa condición de director do xornal La Voz de Galicia, para pedir a publicación no seu medio do seguinte escrito de rectificación, ao abeiro da Lei Orgánica 2/1984, do 26 de marzo, reguladora do dereito de rectificación:

«En relación coa noticia aparecida o día 12 de novembro de 2008 na edición local de Vigo do seu xornal, titulada "UGT pierde la mayoría en el comité en favor de la CIG pese a lograr un mayor apoyo", este sindicato desexa facer constar que o texto contén informacións inexactas e gravemente prexudiciais para a CIG, ao afirmar que a UGT representa a unha "línea de firmeza" frente á empresa Dornier, firmeza que é cuestionada ao noso sindicato até ao punto de afirmar que a patronal prefería o triunfo da CIG. Estas afirmacións, alén do seu carácter valorativo e opinativo, son rotundamente falsas e faltan ao respecto do conxunto dos traballadores e traballadoras da Dornier que, nun proceso electoral democrático, decidiron dar a vitoria ao sindicato CIG, por entenderen que o sindicalismo nacionalista e de clase é o que mellor pode defender os seus dereitos e intereses lexítimos. Por conseguinte, vémonos na necesidade de pedir a rectificación da información referida, en exercicio do dereito regulado na Lei Orgánica 2/1984, do 26 de marzo».

Fóra xa do escrito de rectificación, é triste que sexamos nós os que teñamos que lles lembrar que constatar a veracidade das noticias coas fontes orixinais é norma básica de profesionalidade xornalística, cousa que en absoluto se produciu neste caso. Temos a certeza de que a falta de dilixencia aquí revelada non é habitual entre os traballadores e traballadoras de La Voz de Galicia, de quen descartamos calquera ánimo intoxicador.

Sen máis, e esperando ver satisfeito o noso dereito, reciba os nosos cumprimentos,

Xerardo Abraldes Fernández Secretario comarcal da CIG en Vigo